Proposición

Programa vivendas baleiras | 28-04-16

By 29 Abril, 2016Sin comentarios

O Partido Popular consegue o apoio da corporación para que Lugo se sume ao programa de vivendas baleiras para destinalas a aluguer social.

Texto Completo

A Lei de Vivenda de Galicia establece que as Administracións Públicas poderán adoptar medidas dirixidas a impulsar a posta no mercado de vivendas en aluguer de vivendas baleiras, co obxectivo prioritario de favorecer o acceso á vivenda a colectivos singulares, en particular aos colectivos sociais especialmente desfavorecidos, vulnerables ou en situación de exclusión social, mulleres vítimas de violencia de xénero, persoas maiores e persoas novas que pretendan acceder á vivenda por primeira vez. Nese senso a Xunta de Galicia vén impulsando dende hai anos diferentes programas.

Entre as medidas adoptadas está o Plan Rehavita, Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora de acceso á vivenda 2015-2020. Un plan que ten como primeiro eixo de actuación o “acceso á vivenda” a través de diferentes programas. Entre eles, recóllese o Programa de Vivendas Baleiras co que se pretende mobilizar as vivendas baleiras existentes en Galicia, calquera que sexa o seu propietario, para destinalas a alugueiro social. Este Programa de Vivendas Baleiras desenvolverase en colaboración cos Concellos, que serán os encargados de propoñer as vivendas que se poidan incorporar así como os adxudicatarios das mesmas, sempre respectando os requisitos establecidos.

A Xunta de Galicia vén de autorizar o convenio coa Federación Galega de Municipios de Provincias polo que a Fegamp difundirá entre os Concellos a creación deste Programa e promoverá a súa incorporación ao mesmo.

Pola súa parte, a Xunta comprométese a proporcionar para as vivendas que se incorporen un seguro multirrisco do fogar e un seguro da garantía do cobro da renda.

Os Concellos que desexen participar no Programa de Vivendas Baleiras deberán adherirse ao mesmo asinando o correspondente acordo de adhesión.

Tendo en conta esta iniciativa e a implicación que un Concello como o noso debe ter na protección do dereito constitucional a unha vivenda, o Grupo Municipal do Partido Popular considera de interese municipal que o Pleno da Corporación Municipal ACORDE:

  1. Dar os pasos necesarios para adherirse ao Programa de Vivendas Baleiras da Xunta de Galicia, para o cal asinará o acordo de adhesión previsto no convenio da FEGAMP.
  2. O Concello proporá á Xunta a inclusión no Programa das vivendas de propiedade municipal que no se atopen ocupadas e que estean en condicións ser habitadas.
  3. O Concello xestionará a incorporación ao Programa de vivendas propiedade de terceiros que se atopen desocupadas e en condicións de ser habitadas.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies