
- Os concelleiros do PP, Javier Vázquez e Mar Carballas, explicaron que dende o Grupo Popular solicitan a información das contas do San Froilán porque, segundo reflicte a liquidación de 2023, supuxo un gasto de 1,2 millóns de euros: “Queremos fiscalizar ata o último céntimo, porque a día de hoxe non se sabe con claridade onde foi parar ese diñeiro. A transparencia non é unha opción, é un deber.
- A popular Mar Carballas explicou que o Partido Popular pediu ata en CINCO ocasións (tanto por rexistro como en comisións) a información das contas das patronais de 2023 pero, o goberno local utilizou diferentes excusas, para denegarnos o acceso. A primeira delas é que non había persoal suficiente na área de cultura, e a segunda a “imposibilidade material pola inexistencia formal das contas solicitadas e a non obriga de elaboración de informes ou traballo ad hoc”
- Ante a opacidade de PSOE e BNG recorremos en agosto á Valedora do Pobo. En novembro respondeunos dándonos a razón, pero dende o goberno local fixeron oídos xordos, o que provoca un segundo requerimento da Valedora en xaneiro.
- Nos informes recoñécese que a actuación do Concello supón unha limitación inxustificada ao dereito fundamental da oposición para exercer as súas funcións de control e fiscalización, recoñecido pola Constitución Española e pola normativa de transparencia. Tamén advirte que non presupón a elaboración de ningún informe a medida tal e como o goberno local utiliza como excusa para non faciltar a documentación.
- Nos informes a Valedora recomenda que o Concello facilite de inmediato a información solicitada polo Partido Popular, destacando que non existe causa xustificada para a súa negativa. O informe tamén lembra que a transparencia é un principio esencial nunha democracia, pois permite coñecer como se toman decisións públicas e como se manexan os fondos municipais.
- Tamén advirte de que teñen un mes para responder ou enfrontarse ás consecuencias de ignorar esta recomendación.
- Javier Vázquez: “o obxectivo non é que nos dea a razón a Valedora do pobo senón ter a información para poder fiscaliza e trasladarllo á cidadanía”.
- Carballas e Vázquez consideran que esta falta de colaboración é inaceptable. Necesitamos a información para fiscalizar as contas públicas e garantir unha xestión transparente, pero o goberno local do PSOE e BNG non está a cumprir. Esta opacidade só xera dúbidas e desconfianza.
- O único que nos provoca este tipo de actitudes é a sospeita de que teñen algo que ocultar. Sabemos que hai antecedentes de irregularidades nas contratacións e incumprimentos da lei por parte deste goberno; que só se poñen dacordo para que a alcaldesa se ausente durante dúas horas para que Arroxo firme facturas con reparos de intervención.