Persoal

Ameijide: “a Escola de Música estaría blindada se a RPT non levase 10 anos sen actualizar”

By 31 Outubro, 2016Sin comentarios

 O vicevoceiro popular, Antonio Ameijide, insta aos socialistas “á modificación inmediata da Relación de Postos de Traballo” para “regularizar a actividade dos empregados de todos os servizos do Concello, comezando polos da Escola de Música”

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Antonio Ameijide, apunta que “a Escola de Música estaría blindada se a Relación de Postos de Traballo non levase 10 anos sen actualizar”.

Logo da celebración dunha xuntanza de voceiros monográfica para avaliar o impacto da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anula o acordo do goberno local para ampliar a xornada laboral dos músicos da Banda e, deste xeito, que puideran exercer como docentes nesta iniciativa, o vicevoceiro popular acusa aos socialistas de “ter posto aos pés dos cabalos” aos seus alumnos e profesores “noutro varapau xudicial máis á errática política de Persoal á que tanto o anterior goberno como o actual nos teñen condenado aos lugueses”. Nesa liña, insta aos socialistas “á modificación inmediata da Relación de Postos de Traballo” co obxectivo de “regularizar a actividade dos empregados de todos os servizos do Concello, comezando polos da Escola de Música”. “É máis, dende hai unhas semanas o goberno local creou, por capricho político de Lugonovo, un novo cargo de Dirección Xeral de Persoal do que é hora de obter os seus froitos”, apunta, ao tempo que lamenta que os socialistas non tivesen previsto “un plan B para protexer unha iniciativa que goza de moi boa saúde diante dunha situación que sabían que podía producirse”.

Malia a todo, Antonio Ameijide compromete “o pleno apoio” do Grupo Municipal do Partido Popular “en toda canta solución” se poida brindar para preservar o futuro dunha actividade “que goza de moi boa saúde”. “A nosa postura está fóra de toda dúbida e así llelo trasladaremos aos representantes dos docentes cos que nos reuniremos ao longo da semana”, asegura. “Igual que en 2011 promovemos en pleno que se crease a Escola Municipal de Música, agora traballaremos por que non desapareza e, por iso, estaremos ao carón de todos os integrantes desta iniciativa”, subliña.

Finalmente, o vicevoceiro popular conclúe que “o debate que deberíamos estar a manter nestes momentos é onde se van ampliar as instalacións da Escola e dese xeito cumprir o acordo plenario promovido polo PP para facelo, non avaliar se o Concello vai ser quen de preservar esta actividade ou non” 

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies