O voceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide aconsella ás empresas e autónomos que traballan para o Concello que “miren ben” con quen contratan os seus servizos porque contratando co goberno de Lara Méndez e os seus procedementos corren “o risco de non cobrar polos traballos realizados ao Concello”
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, aconsella aos autónomos e empresarios que traballan para o Concello de Lugo que “miren ben con quen contratan” porque “corren o risco” de non cobrar polos servizos que lle prestan ao Concello. Así o dixo o voceiro popular que acusou a Lara Méndez e ao seu equipo de goberno de “xogar co pan” dos autónomos e os empresarios, e os seus empregados, ao poñer en risco que poidan cobrar polos servizos prestados.
Antonio Ameijide lamentou que os socialistas se permitan “o luxo” de poñer o Concello de Lugo ao borde da intervención por parte do Ministerio de Facenda, ao incumprir “reiteradamente” o período medio de pago a provedores, que se sitúa por enriba dos 100 días. Por iso, o voceiro popular advertiu a Lara Méndez que pode chegar o día no que os grupos da oposición non poidamos ser máis permisivos ou peor, que o xulgado teña que actuar poñendo freo a esta espiral de pagos que bordean a legalidade ou a saltan directamente.
O popular recorda que Lara Méndez terá que volver aos xulgados a declarar en calidade de imputada por un suposto delito de malversación e é coñecedora de que o Grupo Popular presentou un dossier con toda a información relativa a outro proceso do que, “de acordo cos nosos asesores xurídicos, entendemos que podería incorrer nun presunto delito de malversación ou prevaricación”.
Ameijide afirma que “non nos tremeu a man” á hora de poñer esa información en coñecemento do xulgado, “como non nos tremerá para poñer en coñecemento da xustiza a situación de alegalidade e, sobre todo, a falta de ganas de regularizar esta situación” por parte dos socialistas, ademais agora hai informes de técnicos municipais que acreditan a “total pasividade deste goberno local” para devolver á legalidade servizos que levan dende o 2011 sen contrato.
O popular destacou que cando Lara Méndez chegou á alcaldía herdou un Concello con 6 contratos caducados e “non só non readxudicou ningún, se non que deixou caducar 10 máis, ademais de ter outros 6 sen contrato”. Polo tanto, 22 servizos sen contrato no Concello de Lugo.