InfraestruturasTransparencia

Ameijide: “Oxalá Lara Méndez dedicase todo o tempo que pasa criticando a Balseiro en traballar para dar todas as licenzas solicitadas polos lucenses e Xunta”

By 26 Abril, 2019Maio 8th, 2019Sin comentarios

O voceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide denuncia a “ausencia total de traballo” de Lara Méndez que se reflicte no bloqueo ás inversións que calquer administración tenta facer en Lugo, que no caso da Xunta de Galicia se traduce na paralización dun investimento de 22M€ en varios proxectos

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, criticou con dureza a actitude de Lara Méndez “máis preocupada por estudar ao detalle” todo o que fai o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, en lugar de traballar para dirixir o Concello, “que é o seu cometido”.

Antonio Ameijide lamentou a “obsesión” de Lara Méndez con “Balseiro e a Xunta de Galicia”, un “pasatempo” no que a alcaldesa “perde demasiado tempo”, un tempo “moi valioso” que tería que empregar en desbloquear todas as licenzas solicitadas polos lucenses e pola Xunta, licenzas que se terían que resolver nun prazo de tres meses, pero que no Concello de Lugo se resolven nunha media de dous anos.

Entre as obras que Lara Méndez se empeñou en bloquear á Xunta de Galicia, ao non resolver as solicitudes de licenza figuran:

– A construción do novo colexio do Sagrado Corazón
– A construción do novo centro integral de saúde da Residencia
– As obras de mantemento da Muralla
– A construción do novo edificio para o manexo e recuperación do oso pardo na finca do Veral
– A construción dun novo centro de recuperación de fauna silvestre na finca do Veral

Especialmente grave é a situación do novo colexio do Sagrado Corazón, no que a Xunta leva agardando pola concesión da licenza dende decembro, xa que se non se resolve a licenza nos próximos días, os alumnos que terán que cursar os seus estudos neste centro terán que agardar un curso máis para poder empregar estas novas dotacións, xa que as obras teñen un prazo de execución de 16 meses, polo que non habería tempo material para rematar as obras a tempo.

En conxunto, o bloqueo da licenza nestes cinco proxectos supoñen a paralización dun investimento de case 16M€ de investimentos por parte do goberno galego, obras bloqueadas ás que se engaden a ausencia de resposta por parte do Concello de Lugo ás propostas de convenio que remitiu a Xunta para:

– a construción da futura estación intermodal (cun investimento estimado de 6.3M€)
– as obras de musealización do cubo VI da Muralla (cun investimento estimado de 65.000)

Pero Lara Méndez non só decidiu bloquear os investimentos do goberno de Alberto Núñez Feijóo, senón que tamén segue sen dar resposta á solicitude do Ministerio de Fomento, “supostamente dun goberno amigo da alcaldesa”, para a cesión dos terreos precisos para a construción dunha glorieta na N-VI á altura da avenida de Alfonso X O Sabio. “Está claro que Lara Méndez nin fai nin deixa facer. É plenamente consciente de que tirou pola borda catro anos de todos os lucenses, polo que está decidida a que ninguén realice investimentos na cidade para tentar que non se vexa a súa ausencia total de traballo”, sentenciou Ameijide.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies