Transporte urbano

Ameijide: “os buses perden 230 usuarios cada día dende que chegou Lara Méndez”

By 29 Marzo, 2017Sin comentarios

 O vicevoceiro do Grupo Municipal do PP, Antonio Ameijide, afirma que “a nefasta xestión da alcaldesa á fronte do Concello tamén se aprecia no transporte urbano, cunha cifra de viaxeiros que toca fondo ao ser a peor da década”

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, critica que “dende a chegada de Lara Méndez á alcaldía os autobuses urbanos perderon, de media, uns 230 usuarios cada día”.

“Son cifras que lle farían pensar a calquera pero, transcorrida a metade de mandato, a única impresión que nos queda é que á alcaldesa este asunto non lle interesa en absoluto”, asegura Ameijide, quen sostén que “a única preocupación de Méndez con este tema foi empregalo como pretexto para a súa xira polos barrios de Lugo”. A este respecto, apunta que “con esta cuestión a alcaldesa está a perder a enésima oportunidade de demostrar que realmente pode ser útil aos lugueses, así como de rematar coa sensación que cada día teñen máis veciños, que é que a alcaldesa só é marketing, porque é o único que lle viron ata o momento”.

En opinión do popular, “a ninguén se lle escapa que unha redución tan drástica de 150.000 usuarios en menos de dous anos non ocorre por casualidade”, senón que é a consecuencia de “moitos meses de pasotismo por parte do goberno con respecto ao transporte urbano”, xa que “primeiro Orozco e agora Méndez se amosaron totalmente incapaces de ofrecer estímulos que revertan esta tendencia tan preocupante”. Deste xeito, Ameijide lamenta que “Lara Méndez non só non convocou a mesa de traballo promovida dende o PP para abordar, de xeito urxente, todos os cambios senón que nin sequera presentou a remodelación que debera ter feito do sistema durante o primeiro ano do novo contrato”.

Proposición plenaria.-

O vicevoceiro popular anuncia que, co obxecto de paliar a “inacción” da alcaldesa en materia de transporte público, trasladará ao pleno de mañá a terceira proposición do mandato encamiñada a que os socialistas convoquen “mellor o venres que o luns” a mesa de traballo como órgano de participación da oposición para promover as modificacións necesarias “ata facer atractivo e útil” este sistema.

A este respecto, Ameijide reitera algunha das propostas que trasladará a este foro, como o redeseño estrutural con liñas máis curtas, mellores frecuencias e que dean cobertura a toda a cidade e municipio; transbordos gratuítos; revisión das tarifas e establecemento de tarifas planas e bonos semanais, mensuais e anuais; a gratuídade para menores de 18 anos tal e como está aprobado neste pleno, así como para pensionistas e persoas con escasos recursos; os reforzos do servizo nas fins de semana; a adaptación dos horarios ás entradas de institutos, colexios, empresas, universidade…; a mellora das marquesinas e dos sistemas de información, recuperando e potenciando o SAE; a creación dun plano de transporte intuitivo e cómodo coma o do metro, con información axeitada en papel, marquesinas, hoteis… e a creación dunha APP para móbiles, con planificador de rutas e información en tempo real.

“No pleno de mañá volveremos a procurar a unanimidade dos grupos políticos para que a alcaldesa desatasque, dunha vez por todas, un asunto que o goberno local non parece disposto a abordar”, conclúe.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies