O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular Antonio Ameijide considera “prioritario” sacar a licitación os contratos caducados xa que “esta mesma semana pagáronse novas facturas con reparos de legalidade” por valor de 1,7 millóns de euros, o que deixa o total no que vai de ano por enrriba dos 11 millóns de euros
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular Antonio Ameijide trasladoulle esta mañá á alcaldesa de Lugo Lara Méndez as prioridades dos populares para acadar o modelo de cidade que merecen os lucenses. Ameijide expúxolle a Méndez que “no PP entedemos que hai catro eixes fundamentais para acadar o Lugo que todos queremos, como son a xestión municipal; a creación de emprego e a capacidade para captar investimentos; o proxecto de cidade e as obras principais, a mobilidade e o transporte; e as accións a desenvolver na zona rural”.
No referente á xestión municipal, o voceiro popular expresoulle a Méndez a necesidade de sacar a licitación todos os contratos caducados. Neste primeiro punto Ameijide recordoulle á rexedora lucense que “esta mesma semana se pagaron máis de 1,7 millóns de € en facturas con reparos de legaliade a Urbaser e Gestagua, dúas empresas cos contratos caducados o que deixa o total no que vai de ano en 11.201.385€”. Ademais, o popular asegurou que “é urxente” resolver os problemas de persoal do Concello e a coordinación do goberno e cos diferentes servizos municipais para acadar maior eficiencia e unha mellor atención aos cidadáns.
Neste primeiro punto, Ameijide tamén expuxo as preocupacións dos populares no que atinxe a urbanismo. “É preciso aprobar o Plan Xeral de Ordenación Urbanística, pero tamén cómpre revisar o PEPRI, solucionar o problema que o Concello ten co Garañón e que nos fagan partícipes do DUSI, xa que polo de agora non coñecemos ninguna das propostas deste plan e os populares temos moito que aportar”, asegurou o popular. Pero para acadar unha mellor xestión hai que mellorar a xestión económica municipal, circunstancia que permitiría “axilizar a resolución de axudas sociais”.
O popular amosoulle a Méndez a realidade do Concello, xa que os populares son o grupo maioritario da corporación, “polo que temos moito que dicir no día a día do Concello, e sirva de exemplo o bloqueo que ordenanza fiscal 152, reguladora das taxas por aproveitamentos especiais da vía pública, que era moi lesiva para os lucenses ou a aprobación da modificación orzamentaria para desbloquear inversións na cidade”.
Dende o Grupo Popular vese “prioritario” xerar emprego e captar investimentos para Lugo polo que “propoñemos converter a Lugo nun referente turístico e así xerar unha nova fonte creadora de riqueza e emprego Ademais hai que incentivar o investimento e a creación de empresas en Lugo. Temos todo para que os inversores vexan a Lugo como unha opción para traer as súas empresas, solo industrial de primeira categoría como o polígono das Gándaras e unha situación loxística envexable, polo que habería que desenvolver un programa de captación de inversores para Lugo”.
De cara a mellorar o transporte público “algo que reclaman a diario os vecinos”, Ameijide explicou que “nos atopamos ante a oportunidade de acadar esa cidade de primeira para os lucenses, pero hai que facela entre todos”. Para iso é preciso mellorar o transporte urbano, “algo para o que hai que escoitar aos vecinos, xa que eles son os que o empregan”, mellorar o mantemento viario, a limpeza, facilitar a mobilidade aos cidadáns con “actuacións fundamentais para Lugo” como o desdoblamento de Duquesa Lugo, a construcción da praia fluvial e a eliminación de tapóns urbanísticos.
E no Grupo Popular non nos esquecemos da zona rural, “porque Lugo non se entende sen o rural”. Para iso hai que adaptar os núcleos rurais á nova lexislación, avanzar no saneamento, realizar un plan de infraestruturas para solventar os problemas nas pistas, mellorar a sinalización e dinamizar as escolas rurais. Levar o saneamento e o abastecemento a todas as parroquias do Concello. Realizar un plan de valoración de elementos patrimoniais e culturais da zona rural e, por suposto, axilizar a concesión de licenzas para as explotacións, xa que na actualidade os solicitantes teñen que agardar unha media de dous anos pola licenza.
Antonio Ameijide finalizou a súa entrevista con Lara Méndez amosándolle que “a situación actual do Concello é peor que a que ela se atopou cando chegou á alcaldía”. Ademais, Ameijide engadíu que “hai moito traballo por diante no Concello para mellorar e acadar a cidade que merecen os lucenses e que para iso a alcaldesa ten que escoitar ao grupo maioritario do pleno, xa que temos numerosas propostas, moitas delas fundamentais para sacar a Lugo da parálise na que esta alcaldesa e os seus cómplices nos meteron un fatídico xuño de 2015”.