O Concello de Lugo contará cun órgano independente para a resolución de recursos especiais en materia de contratación, despois de que se aprobara, cos votos a favor de PP, Ciudadanos e ACE-EU, a moción presentada polos populares. PSOE e BNG votaron en contra desta proposta.
A nova Lei de Contratos do Sector Público que entra en vigor o 9 de marzo do presente ano, mantén o recurso especial en materia de contratación, establecendo no seu artigo 46 como novidade que “os Concellos dos municipios de gran poboación aos que se refire o artigo 121 da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local, e as Deputacións Provinciais poderán crear un órgano especializado e funcionalmente independente que ostentará a competencia para resolver os recursos”.
A Lei desvincula a posibilidade de interpoñer o recurso especial do carácter de contratos suxeitos a regulación harmonizada (salvo para os contratos subvencionados, que son susceptibles de ser recorridos por esta vía cando revistan tal carácter segundo o artigo 23 da Lei) e rebaixa os umbrais dos cales é posible utilizar esta vía, desta forma poderán ser obxecto do citado recurso os contratos de obras, concesións de obras e de servizos cuxo valor estimado supere os tres millóns de euros, e os contratos de servizos e subministros cuxo valor supere os cen mil euros, ampliando tamén as formas contractuais así como o ámbito de actuación como por exemplo as modificacións.
O recurso especial en materia de contratación exerce unha función de control e garantía da legalidade nos procesos de licitación, e serve como un mecanismo óptimo para a revisión dos actos administrativos vinculados á licitación e á adxudicación dos contratos, por iso entendemos que o Concello de Lugo debe contar cun órgano especializado e autónomo para a resolución dos citados recursos e deste xeito ofrecer máis axilidade para a tramitación e resolución dos mesmos que redundará de forma positiva no proceso de contratación.
Por todo elo o Grupo Municipal Popular considera de interese municipal que o Pleno da Corporación Municipal ACORDE:
Crear un órgano especializado e funcionalmente independente, que ostente a competencia para resolver os recursos especiais en materia de contratación.