
Ramón Cabarcos lamenta “a falta de liderazgo da alcaldesa” e califica de autoritaria a súa decisión, adoptada sen consensuar previamente nin co seu socio de goberno.
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, convocou onte unha xunta de voceiros sen fixar previamente a orde do día, e foi na propia reunión cando anunciou a súa proposta de outorgar a distinción de fillos adoptivos da cidade a Xesús Alonso Montero e Rafael de Vega, sen contar co consenso previo nin do seu propio socio de goberno.
Só dúas horas despois, o BNG fixo público que non apoiarían ao catedrático e expresidente da Real Academia Galega, alegando que non crea consenso entre a veciñanza.
Ramón Cabarcos, vicevoceiro do PP, lamentou “a soberbia e o autoritarismo” da alcaldesa recordándolle que “só ten 8 de 25 concelleiros da corporación” e tamén lle recriminou “a falta de capacidade para xestionar consensos, nin tan sequera co seu socio de goberno”.
Para o popular esta situación evidencia “a súa falta de liderazgo” que provoca que un acto que busca un recoñecemento positivo do legado de dúas persoas (que fixeron unha aportación intelectual, de gran calidade humana, vocación de servizo público e e compromiso coa didade de Lugo) se converta nunha polémica froito do mal entendemento entre ambos socios de goberno.
Con respecto ao posicionamento do BNG “nada mellor se podía agardar deles” o seu rexeitamento é unha proba máis do seu sectarismo e radicalismo.
Ramón Cabarcos insistiu en que un bo goberno debe basearse en principios de diálogo, consenso e respecto mutuo, e non en imposicións”.
O vicevoceiro explica que “os problemas de entendemento non son novos” e, nese senso, lembrou “as dúas horas que se ausentou Alvarellos para que Arroxo asinase decretos de facturas con reparos de intervención das súas áreas”.
Este desencontro entre PSOE e BNG demostra, lamentablemente, que hai dous gobernos con intereses e prioridades moi diferentes, o que termina por afectar á eficacia e estabilidade do goberno municipal.