O voceiro popular interpreta as declaracións da alcaldesa como unha proba de que está fóra de xogo e nerviosa porque os investimentos que está promovendo están programados para potenciar a súa imaxe persoal sen pensar na utilidade para os lucenses dos proxectos que abandera como o carril bici ou o edificio Impulso Verde
Tralas afirmacións da alcaldesa nas que cualifica de ruinosa para Lugo a xestión de Alberto Núñez Feijóo, Ramón Carballo recomenda a Méndez “pasas para a memoria” para que recorde os investimentos do que foi ata hai uns días presidente da Xunta de Galicia.
O voceiro popular lémbralle á alcaldesa de Lugo que no mes de setembro ela mesma acompañou a Feijóo na inauguración do novo Colexio do Sagrado Corazón “unha infraestrutura modelo e pioneira do plan de arquitectura pedagóxica de Galicia”. Na súa construcción investíronse de 4,6 millóns de euros. “Tamén investíronse miles de euros na ampliación do CIFP e no CEIP de As Mercedes, así como noutros centros educativos da cidade” indicou Carballo.
O popular explicou que outra gran infraestructura que leva o selo do PP é o Auditorio de Magoi que Lara Méndez recibiu hai dous anos con informes favorables dos técnicos municipais. “Os veciños non entenden como a alcaldesa se pode queixar de que non lle fan infraestructuras cando ten abandonada unha dotación cultural, na que se investiron 25M€”.
A revitalización do barrio da residencia cos proxectos do Centro Integral de Saúde no que se investirán 30M€. Tamén lembrou como foi o presidente da Xunta o que conseguiu para Lugo o financiamento da Fundación Amancio Ortega para construír unha nova gardería infantil en Paulo Fabio, así como a nova residencia de maiores no barrio da Residencia.
Carballo tamén indicou que con Nçuñez Feijóo presupostáronse partidas millonarias para o ámbito da Sanidade, tanto para a modernización como para a creación de novas especialidades no HULA, e tamén destacou que Lugo fose a cidade elixida para abrir o Laboratorio de Saúde Pública de Galicia.
En canto ao solo industrial, Carballo destacou o impulso do polígono industrial de As Gándaras, que xa vai pola terceira ampliación, aclarando que “a Xunta fixo un esforzo inversor moi importante para dotar de terreos que ofertar a inversores”.
Carballo pediu a Méndez que recupere a perspectiva da realidade e que en vez de atacar a quen traballa por Lugo se brinde a colaborar. O popular explicou que nos últimos anos a administración local dirixida por gobernos socialistas puxo trabas continuas aos proxectos que intentaba desenvolver a Xunta. Un último exemplo témolo co futuro centro de saúde do Sagrado Corazón que a propia rexedora pon en risco de execución “ao pasar medio ano sen responder á petición que a Xunta realizou solicitando unha parcela para construír esta dotación”.
“Se en vez de xogar a ser unha víctima e negar a evidencia se brindasen a colaborar coa Xunta, Lugo avanzaría a outro ritmo” afeando que Lara Méndez “opte pola vía dos ataques para ocultar a súa falta de xestión” matizando que “a rexedora prefire presumir da alfombra vermella do seu carril bici, o malgasto en proxectos de dubidosa utilidade como o edificio Impulso Verde ou gastar 10.000 euros en cada un dos hortos da súa contorna”.