O voceiro do Grupo Municipal do PP Ramón Carballo critica que tanto Lara Méndez como Rubén Arroxo se neguen a dar luz verde a calquera iniciativa presentada e defendida polo Partido Popular sen importar o seu contido ou os posibles beneficios para os lucenses
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Ramón Carballo, non comprende a táctica empregada polo goberno local, encabezado por Lara Méndez e Rubén Arroxo, que optaron por aplicar o rodillo a calquera proposta que chegue desde o Grupo Municipal do Partido Popular, simplemente “por levar a etiqueta do PP”.
Ramón Carballo amosouse sorprendido por esta postura da alcaldesa e o vicealcalde, que desbotan calquera iniciativa, a pesar de que sexa moi positiva para a cidade, porque non se lles ocorreu a eles.
Neste senso, Carballo critica que o goberno local se negue a poñer en marcha un plan de contratación municipal para mellorar o funcionamento do Concello, acadar un maior rendemento dos recursos tanto materiais como persoais dos que dispón e a igualdade de oportunidades para todos os autónomos e empresas. “Pensamos que é preciso que o Concello de Lugo garanta a transparencia nos contratos, nun momento no que o goberno local está a realizar un abuso dos contratos menores, ao que se engaden decenas de servizos co contrato caducado”, sinalou.
Para o popular a negativa a aprobar esta medida significa seguir a poñer trabas aos licitadores (autónomos e empresas) xa que non se lles facilita a planificación para a presentación de ofertas. “Están a negar que a contratación en Lugo se realice de xeito máis eficaz e transparente, dificultando a organización interna”, afirmou.
Pista de motrocrós
O voceiro popular amosou a súa sorpresa ante a negativa do equipo de goberno de apoiar unha iniciativa do Grupo Municipal Popular para que Lugo teña un circuíto municipal para a práctica de motocrós, enduro e outras modalidades semellantes como o trial ou quads. Ramón Carballo non entende a negativa do bigoberno a aprobar esta iniciativa, a pesar de que se trata dunha promesa que a alcaldesa realizou en outubro de 2018 a Jorge Prado. “Pese a que nos tildan de buscar o xeito de colgarnos medallas, o único que queremos é dar resposta ás demandas que nos trasladaron os afeccionados a este deporte xa que as promesas do goberno local seguen gardadas nun caixón”, afirmou.
O voceiro popular recorda que para a creación deste circuíto non tería un custe elevado e terían unha duración duns dez días. A parcela idónea é de titularidade municipal, duns 6,58 hectáreas, situada no antigo vertedoiro de Teixeiro, unha zona perfecta pola orografía do terreo e o entorno e porque nun futuro se poderían ampliar estas instalacións para albergar outro tipo de circuítos.
Soterramento do cableado aéreo
Ramón Carballo criticou tamén a negativa do goberno local aprobar un plan para abordar unha intervención global para o progresivo soterramento do cableado das fachadas da cidade para poñer punto final ao feismo, ademais de ser importante desenvolver este programa de soterramento do cableado por motivos de seguridade.
Gratuidade do teléfono de información 010
O voceiro popular criticou que Lara Méndez e Rubén Arroxo permitan que as chamadas que os lucenses realizan ao teléfono de información municipal 010 sigan a cobrarse, ao contrario que en moitas outras cidades de España, nas que estas chamadas son gratuítas para os cidadáns.
Os populares ven necesario que as chamadas ao 010 sexan gratuítas xa que a tenor das incidencias derivadas do Covid, foron moitos os lucenses que empregaron este teléfono para obter información sobre diversos asuntos e que viron como, ademais de non obter resposta algunha, os tempos de espera foron demasiado longos polo que os cargos nas facturas telefónicas foron excesivos.
Uso abusivo de Lara Méndez das súas atribucións
Ramón Carballo aproveita tamén para criticar con dureza a postura de Lara Méndez, que fai un uso abusivo das súas atribucións como alcaldesa, xa que emprega a súa posibilidade de intervención ao remate de cada debate para atacar con extrema dureza aos concelleiros do Partido Popular “sen darnos a posibilidade de defensa ou de réplica”.
O voceiro popular explica que no pleno de hoxe Lara Méndez empregou máis de 15 minutos para atacar aos concelleiros populares sen darlles a posibilidade de poder rebater as súas palabras, como se fai durante as intervencións que hai nos debates de cada iniciativa.