O candidato do PP Ramón Carballo presentou á médica Carmen López Silva como a número 2 da súa candidatura. A nova incorporación á lista do alcaldable do PP traballa como médica de familia no centro de saúde da Praza do Ferrol e realiza gardas no Punto de Atención Continua de Lugo.
A número dous da candidatura popular participa no Grupo de Violencia de Xénero da Consellería de Sanidade dende o ano 2008 ata a actualidade, e é coautora de diferentes guías de Violencia de Xénero. Carmén López Silva ocupou o posto de directora asistencial da xerencia de atención primaria nos anos 2010-2013.
O candidato do PP asegurou que se trata dunha muller “con capacidade para traballar en equipo, para comprender situacións difíciles, e cun alto sentido do compromiso”. Carmén Silva é unha persoa coñecida pola súa implicación na ONG de Anciáns do mundo da que foi presidenta durante varios anos. Nese senso a nova fichaxe do PP manifestou que “tamén dende o eido local temos que asumir responsabilidade e velar polo benestar dos nosos maiores mediante o fomento de políticas de envellecemento activo e políticas que melloren a súa calidade de vida”.
Carmén López Silva ten un master en xeriatría e outro en drogodependencias e SIDA. Foi tamén coordinadora e impartiu de cursos de formación de Voluntariado Social e de temáticas como Coidando ao coidador, Violencia de Xénero a persoal sanitario e poboación en xeral.
María Teijeiro de 25
O candidato popular tamén confirmou que a persoa que pechará a lista é “outra muller querida, comprometida, humilde e moi responsable”. Deste xeito definía a María Teijeiro, concelleira do Grupo Municipal encargada da área de servizos sociais nos últimos dous mandatos, quen tomou a decisión de deixar a primeira liña da política local. Ramón Carballo eloxiou a súa capacidade de traballo e o seu talante “Maria é unha persoa que sempre está aí cando a necesitas, esta forma de ser non só responde a súa condición de de traballadora social ela é moito máis, ten unha empatía brutal que contaxia”. Carballo tamén salientou que “é unha persoa de referencia para o tecido asociativo do eido social de Lugo”
Pola súa banda, María Teijeiro manifestou o seu agradecemento “por todo o aprendido e o vivido durante estes últimos oito anos de dedicación intensa. Esto non é un paso atrás” puntualizou “é un paso ao lado xa que non me desconecto da política, apártome da faceta pública pero seguirei colaborando co meu partido, o Partido Popular, tanto dende o meu posto como secretaria da xunta local como dende a directiva autonómica rexional.
“Trátase dunha decisión meditada que tomo por razóns estrictamente persoais e que supoñen o fin de oito anos de intenso traballo”, concluíu.
María Teijeiro é traballadora social, con formación específica en materia de Igualdade e Violencia de Xénero. Antes de entrar en política exerceu a súa profesión no tecido asociativo no eido da discapacidade e da formación para o emprego.