Economía

Castiñeira: “a este ritmo é moi díficil que en febreiro se poidan debater os orzamentos”

By 1 Febreiro, 2016Febreiro 4th, 2016Sin comentarios

Jaime Castiñeira critica que o goberno municipal aínda non entregara o plan de investimentos detallado nin todos os informes que deben acompañar os orzamentos, como o de Persoal, de Intervención ou de Tesourería, entre outros

O voceiro popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, afirmou esta mañá ao remate da xunta de voceiros para abordar os orzamentos municipais de 2016 que “ao ritmo co que está a traballar o goberno local, é moi difícil que ao pleno do mes de febreiro, previsto para o día 25, se poida trasladar a proposta  das contas deste ano para o seu debate”.

Nesa liña, Castiñeira asegurou que “os orzamentos están nun punto moi iniciático”, xa que “a día de hoxe os socialistas seguen sen facilitarnos informes técnicos que deben acompañar sempre este proxecto”, como son os de Persoal, Intervención ou Tesourería. Deste xeito, o popular apuntou que “a falta de concreción” se fai especialmente patente no relativo ao capítulo 1 dos orzamentos, o de Persoal, no que “nin se ten en conta o incremento nas nóminas do persoal municipal nin tampouco o pago da parte da paga extra pendente”. “Calculamos que isto pode ter un impacto dun millón de euros, ao pasar dos 28 aos 29 millóns de euros”, motivo polo que “a partida dos investimentos pode caer moi facilmente dos cinco aos catro millóns de euros”.

O voceiro dos populares no Concello de Lugo indicou que “o proxecto está totalmente no aire” e seguen faltando “documentos tan esenciais como o propio plan de investimentos detallado”. “O único que hai máis ou menos pechado nestes momentos é o capítulo de ingresos, pero en todo o relativo aos gastos hai moito traballo pendente”, apuntou.

Ante esta situación, Castiñeira concluíu que “o único que fan é un puro paripé para aparentar que fan, só co obxectivo de gañar tempo, porque a día 1 de febreiro non teñen nada e o único que pretenden é que a oposición faga as propostas que eles son incapaces”. “Como imos aportar e cuantificar ideas, como nos piden, se non sabemos canto diñeiro hai para facelo?”, preguntouse.

Por último, o popular insistiu en que “o que está claro é que os orzamentos municipais non se están a facer dende o Concello, senón que se dirixen dende a Deputación Provincial”, posto que “a alcaldesa segue empeñada en trasladar á Praza Maior o modelo de San Marcos, sen ter problema incluso en ningunear á súa propia edil de Economía”, que nin sequera participou na reunión desta mañá.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies