O voceiro do Grupo Municipal do PP, Jaime Castiñeira, asegura que “Lugonovo e BNG son corresponsables co goberno de que haxa máis dunha ducia de empresas traballando para o Concello sen contrato por terlle dado esas atribucións ao PSOE”
O voceiro do Grupo Municipal do PP afirmou esta mañá durante a súa intervención na sesión plenaria que “ata aquí cos pagos a empresas sen contrato”, en referencia aos máis de 500.000 euros en facturas con reparos de legalidade que pretendía aprobar o goberno local no recoñecemento extraxudicial de crédito.
A este respecto, Jaime Castiñeira asegurou que un informe do servizo de Contratación, Patrimonio e Fomento de data 15 de febreiro “é moi claro”, xa que del se constata como en practicamente a metade dos 14 servizos a cuxo pagamento de facturas interpuxo reparos de legalidade o interventor “non se deu nin o menor paso para legalizar a súa situación”. Trátase, en concreto, do servizo de atención telefónica 010, do que á data actual non se ten achegado a este servizo a documentación correspondente que permita continuar o procedemento de contratación, da xestión do ciclo da auga, da que di que sen que á data actual se teña achegado a este servizo documentación algunha de cara á iniciación dun posible procedemento de contratación; da recollida de animais, a respecto do que se apunta que á data actual non se ten achegado a este servizo a documentación correspondente que permita continuar ou iniciar un novo procedemento de contratación; e ao do guindastre, sobre o que indica que non consta neste servizo, a esta data, a documentación que permita iniciar un novo proceso de licitación.
Castiñeira explicou que “dende o Partido Popular levamos anos realizando reiteradas advertencias sen que nin o anterior goberno nin este as atenderan”, dado que “se trata dunha teima moi clara contra a que levamos moitos anos loitando”. “Unhas advertencias que tamén trasladou o anterior secretario en resposta a unha petición de informe do PP, sinalando as responsabilidades claras dos concelleiros de goberno neste tipo de situacións e alertando de que era unha práctica que no Concello de Lugo excedía todos os límites”, subliñou.
Así mesmo, o popular fixo fincapé en que “incluso nas facturas nas que non existen reparos de legalidade por parte da intervención, aparecen outras advertencias por parte dos técnicos municipais”, como a necesidade de sacar a licitación pública contratos de electricidade “en lugar da fórmula que escolleu o goberno”.
Corresponsabilidade de Lugonovo e BNG.-
Jaime Castiñeira tamén destacou na súa intervención a “corresponsabilidade” de Lugonovo e BNG sobre esta situación, xa que “hai dous anos decidiron cortarlle politicamente a cabeza a López Orozco, así que por esa mesma responsabilidade deberan ser hoxe coherentes e votar a favor deste expediente”. Deste xeito, incidiu en que “Lugonovo e BNG son corresponsables co goberno porque foron eles quen lles deron esas atribucións, non os lugueses cos seus votos”.
Finalmente, o popular apuntou que “a falta de previsión do goberno non é nin moito menos xustificable”, xa que “Méndez nin sequera pode alegar que todos os contratos caducados lle viñeron herdados senón que a maioría dos que hoxe levou ao pleno entraron nesta situación fondamente irregular sendo ela alcaldesa”.