Cultura

Castiñeira critica que a alcaldesa converta a fachada do Concello “nun taboleiro de anuncios”

By 10 Xuño, 2016No Comments

 O voceiro popular Jaime Castiñeira denuncia que a instalación dunha pancarta na fachada da casa Consistorial en plena campaña electoral “ademais de todas as ilegalidades nas que pode incorrer rompe un acordo da xunta de voceiros”

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular Jaime Castiñeira criticou esta mañá en rolda de prensa que a alcaldesa de Lugo teña convertido o Concello “nun taboleiro de anuncios”.

Logo da instalación dunha pancarta reivindicativa na fachada da Casa Consistorial na xornada de onte, “moi casualmente no día de inicio da campaña electoral”, o popular lamentou que “a alcaldesa rompeu, pola vía da imposición, un dos puntos de consenso que acadaramos co anterior goberno” de “preservar a imaxe pública e a identidade dun edificio tan emblemático e histórico como é o Concello”.

Así mesmo, Castiñeira anunciou que “á vista da disposición do novo goberno municipal de expresar cuestións pendentes para a cidadanía”, dende o Grupo Municipal do Partido Popular “imos presentar, unha tras outra”, solicitudes para a colocación de pancartas nas que se lle lembre á alcaldesa o incumprimento dos máis de 30 acordos plenarios acadados a instancias do PP. “E comezaremos polo primeiro acordo deste mandato, cunha bandeira que poña Lugo, non perdas a Comisión de investigación sobre o Garañón”, detallou, ao tempo que indicou que “para que non haxa problemas e non se negue a autorización, a proposta será a de ubicar pancartas das mesmas dimensións e coas mesmas cores cá actual”.

Por outra banda, o voceiro popular afirmou que, “con independencia das implicacións legais que poidan existir ao respecto debido tanto ao momento como ao lugar escollido nun edificio público e protexido para esta demanda, como nos poñamos a empapelar o concello con todos os compromisos incumpridos da alcaldesa neste primeiro ano do seu mandato non nos vai chegar toda a superficie”.

Por último, o popular ironizou con que “parece que as novas formas de facer política consisten en perder as formas”, en referencia a que “mentres o voceiro socialista nos estaba informando da colocación desta pancarta, practicamente ao mesmo tempo a federación de veciños estaba entrando no Concello para instalala”. 

Leave a Reply

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies