Jaime Castiñeira afirma que “o teatro desta mañá da alcaldesa é un novo capítulo que xa sona a queimado” porque “reproduce o boicot irresponsable que todos lembramos co HULA, coas Mercedes, co auditorio ou co centro de Rozas, entre outros”
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular Jaime Castiñeira lamenta que a alcaldesa “en lugar de felicitarse pola nova residencia de Lugo, a considere un desprezo”
En referencia ás declaracións desta mañá da rexedora de Lugo, o popular apunta que “o único desprezo é o do PSOE e da alcaldesa a todos os investimentos da Xunta no noso municipio”, xa que “o capítulo desta mañá non é máis que outro episodio do teatro habitual dos socialistas no Concello, que reproduce o boicot irresponsable con outras actuacións da Xunta do PP”. Deste xeito, Castiñeira afirma que “todos lembramos as manifestacións contra a exitosa conversión do IES As Mercedes en Centro Integrado de Formación Profesional, á oposición á posta en marcha do hospital, o rexeitamento á concesión da consideración de centro universitario para o HULA ou a campaña contra o polígono das Gándaras”. “Nin antes nin agora aos socialistas lles preocupou Lugo e os lugueses senón que viven de facer política da confrontación e da oposición aos investimentos doutras administracións só porque as gobernan outros partidos políticos”, destaca Castiñeira, ao tempo que incide en que “o que verdadeiramente lle preocupa ao goberno local é que a Xunta, de novo, volva cumprir porque iso frústralle a estratexia de vitimismo da que leva anos vivindo o goberno socialista”.
Nese senso, insiste que “o problema que teñen o PSOE e a alcaldesa é que a Xunta de Galicia volva cumprir con Lugo” e solicita que “deixe de ser un estorbo e de bloquear proxectos, como a construción dun novo CEIP do Sagrado Corazón, para o que aínda non puxo todos os terreos, ou o equipamento do novo auditorio, que a Xunta xa se ofreceu a cofinanciar”. “Sabemos que son grandes expertos en demorar actuacións, as que dependen doutras administracións pero tamén as que só dependen deles mesmos, e se non que lles pregunten aos veciños do Sagrado Corazón que seguen sen ascensor ou aos de todo Lugo que continuamos sen praia fluvial, sen PXOM, sen PEPRI…”, indica o voceiro popular.
Ademais, Castiñeira lémbralle á socialista que “en calidade de deputado autonómico, está entre as miñas funcións a de dialogar directamente co goberno da Xunta de Galicia”. “Tanto como voceiro dun grupo político municipal como de parlamentario, teño o mesmo dereito cá rexedora de interesarme polos asuntos que afectan a todos os galegos, especialmente dos de Lugo”, asevera.
Por último, o popular pídelle á alcaldesa que facilite a todos os grupos do corporación unha copia do informe coas propostas de sete ubicacións que entregou esta mañá no Rexistro da Xunta para “entre todos, dende a corporación, ser quen de decidir onde se vai ubicar a nova residencia”. “Dende logo, con nós que non conten para facer unha política de confrontación e de oposición a todo o positivo que chegue para Lugo porque, veña de quen veña, agradeceremos o esforzo”, conclúe.