Economía

Castiñeira: “Lugo está sen orzamentos porque Lugo está sen goberno”

By 15 Decembro, 2015Xaneiro 29th, 2016Sin comentarios

O voceiro do Grupo Municipal do PP, Jaime Castiñeira, destaca que “por primeira vez dende que o PSOE goberna o Concello, dende 1999, a quince días de que remate o ano non hai sequera o mínimo: unha proposta de liñas mestras”

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, afirmou esta mañá en rolda de prensa que “Lugo está sen orzamentos porque Lugo está sen goberno”.

Para os populares, estamos diante “dunha situación inédita”, porque “por primeira vez dende que o PSOE goberna o Concello, en 1999, cando estamos a quince días de que remate o mes de decembro non hai sequera unha proposta mínima ou un avance das liñas mestras que van rexer as contas do Concello, que son as de todos”.

“O que será inevitable é que, de novo, teñamos que ir a unha prórroga pola falta de vontade política dos socialistas en sacar adiante o que probablemente sexa o proxecto máis importante para todo o ano”, destacou Jaime Castiñeira, ao tempo que indicou que “o que iso implica é que os capítulos seis e sete dos orzamentos, os de investimentos reais, quedarán bloqueados”. “É dicir, obras que levamos tanto tempo esperando, como poden ser as da Ronda das Fontiñas ou as da Ronda da Muralla e cuxo financiamento para este ano se perdeu por culpa dos socialistas, seguirán paralizadas e bloqueadas, nun reflexo perfecto do que é este goberno”, aseverou.

Anos “grises” para Lugo.-

Ante esta situación, o popular prognosticou “anos grises para Lugo” da man da nova alcaldesa, posto que “pouco se pode esperar de quen xa no seu primeiro ano de mandato se pecha a escoitar propostas da oposición e non dialoga absolutamente nada co partido maioritario da corporación”. “En calquera caso, nós seguiremos coa nosa actitude construtiva, porque é como entendemos o noso traballo aquí”, advertiu Castiñeira, quen reiterou parte das iniciativas que xa ten formulado o GMPP con vistas aos orzamentos, como unha liña de axudas de seis millóns de euros anuais para o impulso á creación de novas empresas, novos empregos e o fomento da rehabilitación.

Así mesmo, incidiu en que “dá a impresión de que a alcaldesa quere imitar o peor de Orozco, que se viu abocado a prorrogar os orzamentos de 2013 e a aprobar en soidade outros en xunta de goberno a finais de 2014”. Ademais, Castiñeira destacou que “non hai desculpa nin xustificación posible para esta despreocupación” e lamenta que “a alcaldesa siga sen comprender, seis meses despois, que significa xestionar un Concello como o de Lugo”. Así mesmo, lamentou que “non aprendera nin co revés que sufriu coas ordenanzas fiscais, que chegaron ao pleno fóra do orde do día e despois dunha xunta de goberno extraordinaria e que, por falta de tempo para analizalas, tiveron que quedar pendentes para outro pleno extraordinario”. “Exactamente o mesmo que pode ocorrer cos orzamentos municipais”, advertiu.

Por último, o popular ironizou con que “dado o afán que os máximos socios políticos da alcaldesa, o señor Gómez Besteiro e López Orozco, teñen por aprobar en xuntas de goberno extraordinarias o 31 de decembro, como fixeron co Garañón, igual esa é a mesma sorte que corren os orzamentos de Lugo para 2016”.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies