O voceiro do Grupo Municipal do PP, Jaime Castiñeira, desvela que “o proxecto de urbanización non foi visado ata o 8 de agosto de 2006 cando a cláusula segunda obrigaba a telo presentado no Concello como data límite o 31 de marzo dese ano”
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, reclamou que o Concello se acolla aos incumprimentos que o promotor do Garañón cometeu con respecto ao convenio urbanístico polo que o PSOE aprobou as torres das costas do Parque Rosalía de Castro.
Durante a súa comparecencia plenaria, o popular desvelou que o punto terceiro da cláusula segunda deste convenio estipulaba, entre as obrigas do promotor, a de redactar e presentar proxecto de urbanización dos terreos da área CS5, no prazo de tres meses dende a aprobación definitiva do proxecto de equidistribución antes referido, trámite este último que se realizou na polémica Xunta de Goberno Local extraordinaria celebrada o 31 de decembro de 2005, co Concello pechado e o sábado de fin de ano”, de xeito que o proxecto de urbanización tiña que estar presentado ante o Concello antes do 31 de marzo. “Pero, segundo recolle a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, este proxecto non foi redactado ata o 6 de xullo de 2006 e non foi visado ata o 8 de agosto de 2006, o que significa que se presentou fóra do prazo acordado”, apuntou Jaime Castiñeira, que destacou que “é imposible presentar un documento antes de redactalo”.
Nesa liña, afondou en que o convenio recolle un erro no cálculo de aproveitamento lucrativo (é dicir, o 90% da edificabilidade) que lle correspondería á parcela de 138 metros cadrados de titularidade municipal. Deste modo, no documento figuran 254,61 metros cadrados edificables, cando en realidade deberan ser 272,06 metros cadrados, “sen que este convenio, malia a barallar edificabilidades e parámetros urbanísticos, contase ao noso entender co imprescindible informe dos departamentos de Arquitectura e Intervención”. “É evidente que non houbo un equilibrio entre as dúas partes e que o convenio, na nosa opinión, inclúe cláusulas abusivas que poderían ser causa de que se declarase ilegal”, destacou.
O voceiro popular sinalou que “en síntese, o obxectivo é dobre: por un lado, que desaparezan as Torres do Garañón e recuperar as vistas que había alí e, polo outro, que non haxa que indemnizar ao promotor e, de ser o caso, que esta contía sexa a mínima posible”. “E unha fórmula para acadalo pode ser a anulación do convenio e, aínda que somos conscientes do difícil que resultaría chegar a revogalo, cómpre estudar ata o último resquicio, con ese aval e apoio dos expertos urbanísticos e xurídicos externos ao Concello que nós pedimos”, subliñou.
Por último, Jaime Castiñeira lamentou que a alcaldesa “se enroque, cada vez máis, en seguir con máis do mesmo”, xa que “ir a un recurso de casación, que parece que é a obsesión deste goberno, significa loitar por manter alí as torres do Garañón”. “Dixémolo moitas veces e seguiremos insistindo: este goberno local e a súa alcaldesa póñense do lado de Orozco, de Besteiro e do promotor das torres en lugar de velar polos intereses dos lugueses, como deberan”, concluíu.