O voceiro do GMPP critica que o goberno municipal remitise a documentación da licenza do edificio en vez de enviar, como se requirira explicitamente polos populares, a das obras de reforma da vivenda de Gómez Besteiro
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Jaime Castiñeira, preguntou esta mañá en rolda de prensa ao goberno municipal “que ten que ocultar” en relación á licenza de obras para as reformas da vivenda do secretario xeral do PsdeG, José Ramón Gómez Besteiro.
O popular fixo estas declaracións logo de que o goberno socialista remitise ao Grupo Municipal do Partido Popular o proxecto de construción de todo o edificio de 28 vivendas de protección oficial en lugar de enviar a licenza de obras de reforma dunha delas, “como indicamos explicitamente no escrito de solicitude, no que, ademais, o único que se reclamaba era acceso e copia, non o envío do expediente ao GMPP”.
Nesa liña, Jaime Castiñeira explicou que “mentres que o documento que se nos facilitou data do 11 de xullo de 1972, o que nós queríamos coñecer era a licenza de obras do 3 de marzo de 2005, que por certo foi aprobada só oito días despois sendo concelleiro de Urbanismo o propio José Ramón Gómez Besteiro”. “Iso chámase axilidade, e iso que dixo que non se enterara ben cando asinara os papeis, pero para non enterarse foi ben áxil”, ironizou o voceiro popular no Concello de Lugo.
Á vista desta situación, o popular preguntouse “se Lara Méndez non ten nada que ocultar, ¿por que non nos entregou a documentación que lle pedimos?”. Deste xeito, Jaime Castiñeira subliñou que “claramente, igual que fixo onte no pleno, onde non quixo votar a favor dunha Comisión para a defensa dos intereses de todos os lucenses no tema do Garañón – non de investigación nin moito menos – dá a sensación que o que quere facer coa licenza é máis do mesmo: blindar e protexer a Gómez Besteiro”. “Con esta maniobra, a alcaldesa ratifica, igual que co seu voto no pleno de onte, que a súa principal preocupación é blindar os intereses do secretario xeral do PsdeG, en lugar dos de todos os lucenses”, resumiu.
En calquera caso, o voceiro popular anunciou que esta mesma mañá devolverá o expediente facilitado e que reiterará a petición de acceso ao da licenza das obras de reforma da vivenda “as veces que sexa necesario ata conseguir ver toda esa documentación”. “Como oposición temos dereito a consultar calquera documento do Concello e, evidentemente, a licenza de Gómez Besteiro forma parte tamén dos expedientes aos que debemos poder ter acceso”, indicou.
Por último, Jaime Castiñeira lembrou que solicitara acceso a todo o expediente de concesión da licenza das obras de reforma da vivenda para coñecer para que tipo de intervención se pediu autorización, “e a partir de aí poderase saber se o Concello fixo a comprobación oportuna de que as obras realizadas se axustan ao solicitado e, de non ser o caso, como todo parece indicar, se era necesario proxecto e se cumpriu todas as normativas de aplicación”, aclarou o popular. Así mesmo, o popular xa instara ao goberno municipal a abrir un expediente para que o secretario xeral do PSdeG abone o importe total da licenza en cuestión, logo de que no seu recurso Gómez Besteiro recoñecese un sobrecuste das obras da vivenda, segundo publicaron diversos medios de comunicación.