O voceiro do PP anuncia que, tras o debate plenario do sistema da ORA e logo de observar o grao de coincidencia cos outros grupos da oposición nas liñas fundamentais, celebrará unha reunión cos outros partidos para consensuar unha alternativa
O voceiro do GMPP, Jaime Castiñeira, anunciou esta mañá en rolda de prensa que intentará promover un acordo entre todos os grupos políticos da oposición para a implantación dun sistema de rotación de vehículos gratuíto.
Tal como explicou o popular, manterá unha reunión cos voceiros de LugoNovo, BNG, Ciudadanos e ACE “á vista do debate plenario de onte e da coincidencia nos eixes fundamentais” respecto da necesidade dun novo modelo de estacionamento, coa posibilidade de que este novo modelo sexa trasladado ao vindeiro pleno de outubro. “Está claro que nos atopamos nunha corporación moi plural e, por iso, debemos aproveitar a vantaxe de ter estas coincidencias para que as decisións sexan o froito do consenso da maioría dos grupos”, indicou Jaime Castiñeira, ao tempo que incidiu en que “os 17 votos dos edís da oposición son máis que os oito do goberno”.
Deste xeito, “e sempre unha vez decidido o modelo do servizo e de xestión, será o momento de analizar en que zonas se implanta”, polo que acusou ao goberno “de actuar ao revés ao anunciar que haberá ORA en máis rúas cando o nin sequera sabe que sistema rexerá esta cuestión”, posto que Méndez traballa cun modelo de hai 24 anos. Nesa liña, o voceiro popular advirtiu aos socialistas de que “o cambio de sistema e a aprobación e modificación das ordenanzas son competencia exclusiva do pleno”, polo que a instou a “deixar de dar pasos en balde, contradicindo o que opina a maioría da corporación e a maioría dos veciños”.
Castiñeira insistiu en que “a filosofía que debe rexer o estacionamento é a de garantir a rotación de vehículos e facilitar a mobilidade, en lugar de que a ORA sexa un instrumento de recadación para unha empresa privada, que se leva o 80% do total”, mentres que “a alcaldesa segue empeñada na mesma liña de Orozco: un modelo punitivo e excesivamente recadatorio, mesmo incrementando as prazas para aumentar o beneficio”. Nese senso, o popular anunciou que o GMPP non vai dar un cheque en branco para que se volva contratar outra empresa.
Borrador nova ordenanza ORA.-
Por outra banda, o popular aludiu durante a súa comparecencia ás declaracións do goberno nas que presumía de ter entregado á oposición o novo borrador da ordenanza e apuntou que “non chegou a ningún grupo político”. Así mesmo, Castiñeira salientou que “dá a impresión de que a alcaldesa segue exactamente co mesmo borrador da ordenanza que tiña pactado López Orozco coa filial de Vendex a cambio de certas prebendas, segundo trascendeu do sumario da Operación Pokemon”.
Por último, e tras a sesión plenaria de onte, o popular tamén anunciou que pedirá aos socialistas explicacións de por que non se ten entregado o informe sobre o custe da municipalización da grúa, “que o PP pediu hai máis dun ano”, e tamén que solicitará ao servizo de arquitectura que elabore un informe sobre as condicións de habitabilidade das vivendas sociais de A Ponte.