O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular afirma que “no pleno de onte quedou demostrado que a alcaldesa aprendeu demasiado rápido da estratexia de Orozco de mentir descaradamente e tirar para adiante sen avergonzarse”
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, amósase “seguro” de que, en contra do que dixo onte a alcaldesa no pleno, a administración municipal aínda non entregou todos os terreos necesarios para a construción dun novo colexio no barrio do Sagrado Corazón.
Nesa liña, o popular afirma que “co obxectivo de desenmascarar as mentiras da alcaldesa”, acaba de solicitar ao goberno que informe por escrito da data na que remitiu estes datos á Xunta de Galicia, así como da superficie que puxo á súa disposición. “Estamos convencidos de que faltou á verdade cando dixo que o Concello xa cumprira coa súa parte de tramitar os 10.000 metros cadrados necesarios para o novo centro”, asegura Castiñeira, ao tempo que recalca que “no pleno de onte quedou demostrado que a alcaldesa aprendeu demasiado rápido da estratexia de López Orozco de mentir descaradamente e de tirar para adiante sen avergonzarse nin o máis mínimo”. “Todos nos lembramos deses informes ficticios dos que presumía o anterior alcalde para impoñer a peonalización de Quiroga Ballesteros ou daquel outro que dicía que era imposible suspender a ORA da cidade”, lembra Jaime Castiñeira, quen lamenta que “moi triste é que a nova alcaldesa imite e copie o modelo demagogo do seu antecesor”.
Unha dotación e consignación orzamentaria en risco.-
Por outra banda, o popular advirte de que “en dous anos remata o acordo de cesión de instalacións con Abanca para o centro educativo do barrio”, polo que “tendo en conta o desinterese e a parálise tanto do anterior goberno como do actual, o máximo responsable de que o Sagrado Corazón poida quedar sen colexio é o Partido Socialista”.
Por último, o voceiro popular tamén critica que o novo goberno municipal, “exactamente igual que o anterior”, poña en risco a consignación orzamentaria da Xunta de Galicia para este centro. “Igual que se perderon os fondos previstos en 2014 e 2015, os 524.000 euros planificados nos Orzamentos da Xunta de Galicia para 2016 van polo mesmo camiño”, apunta Castiñeira, quen conclúe que “ningún interese partidista do goberno municipal pode xustificar que un investimento tan necesario e de tal envergadura, con tres millóns de euros, poida quedar pendente”.