O voceiro popular Jaime Castiñeira afirma que “á alcaldesa só lle quedará un último verán (o de 2018) para dotar a Lugo da zona de baño pública e gratuíta que os gobernos socialistas levan anos negándolle aos lugueses”
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, afirma que “todo apunta a que Lugo vai seguir outro verán sen praia fluvial”.
“Á vista da falta de avances e de que non hai indicios de que se teña realizado ningunha tramitación, a conclusión é doada: os socialistas continuarán a castigarnos a todos os lucenses sen unha zona de baño pública, gratuíta e segura”, de xeito que “á alcaldesa só lle quedará un último verán (o de 2018) para facer realidade un proxecto que leva moitos anos sendo un compromiso electoral incumprido”. “O feito de que non haxa ningunha noticia a tres meses de que empece o verán, sumado á demora que acumula esta dotación, non nos permite ser optimistas”, apunta Castiñeira, quen lembra que “o último que sabemos é a batimetría que tanto vendeu o goberno local alá polo San Froilán do ano pasado, situándoa 50 metros máis arriba de onde levaba anos propoñendo o Partido Popular sen batimetría ningunha só escoitando aos veciños”. “Pasaron cinco meses sen que se concretara nada máis”, sinala.
O popular, que anuncia que preguntará ao goberno local polo punto exacto en que se atopa a tramitación e a execución da praia fluvial “tan demandada por todos os lugueses” e as previsións para a mesma, asegura que “se nestas semanas o Concello non se activa o proxecto, á alcaldesa só lle quedará un último verán (o de 2018) para dotar a Lugo desta zona de baño”. “O que está claro é que, transcorrida a metade do mandato, a praia fluvial continúa no mesmo punto morto que ao inicio”, incide.
Adquisición terreos fronte a Arias Nadela.-
Por outra banda, Jaime Castiñeira reitera a “oportunidade a necesidade” de que a administración municipal adquira os terreos situados fronte a Arias Nadela para, dando cumprimento a diversos acordos plenarios promovidos polo Grupo Municipal do Partido Popular, enlazar os paseos do Miño e do Rato, de xeito que se complete o cinto verde da cidade que legaron os gobernos do PP no Concello e a Deputación Provincial. A este respecto, o voceiro popular insta á alcaldesa a ser “combativa e dilixente” coas súas reivindicacións á Deputación Provincial para que contribúa ao financiamento desta compra, que “tamén é unha cuestión a respecto da que existe un fondo consenso social” dado que é moi empregada por numerosas persoas para pasear e facer deporte. “Case dous anos despois da súa chegada ao goberno, é hora de que Méndez comece a deixar a súa pegada nalgunha acción concreta porque a única que se lle coñece é a polémica supresión da ORA”, conclúe.