Urbanismo

Castiñeira ve á alcaldesa “enrocada” en defender a Orozco, Besteiro e o promotor do Garañón

By 17 Xaneiro, 2017Sin comentarios

 O voceiro do Grupo Municipal do PP, Jaime Castiñeira, afirma que “o continuísmo de Lara Méndez significa que prefire defender os intereses dos seus padriños políticos en lugar dos dos lucenses”

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, afirmou esta mañá ao remate da xunta de voceiros sobre O Garañón, que “a conclusión é clara: a alcaldesa, Lara Méndez, está enrocada en defender os intereses de López Orozco, Gómez Besteiro, que son os mesmos do promotor”.

“Na práctica, o que significa é que por quen vela a rexedora é polos seus padriños políticos, en lugar de mirar polo conxunto dos lugueses”, incidiu Castiñeira, ao tempo que a acusou de “curtopracista” logo de comprobar que se pecha “en banda” a abordar sequera o estudo da anulación do convenio do Garañón, “como reclamaba o Partido Popular como unha posible fórmula de librarnos das torres e da indemnización millonaria”. “Somos conscientes de que é moi difícil anular este acordo, pero temos que buscar ata o último resquicio para poder facelo aproveitando as cláusulas que, baixo o noso punto de vista, rozan claramente a ilegalidade”, insistiu.

“Outra proba que demostra cal é a verdadeira preocupación da alcaldesa vese claramente en que se nega a contratar unha asesoría externa potente en materia urbanística e xurídica para deseñar unha estratexia de defensa dos lugueses en todos os procedementos abertos con visión de futuro”, afirmou o voceiro popular, quen destacou que “o único que admite Méndez é un servizo puntual que se limite exclusivamente a avaliar se presentar recurso ou non ás sentenzas coñecidas a semana pasada”. “O que pediamos nós é moito máis ambicioso e global, pero é obvio que a alcaldesa non ten vontade político de facer máis que un mero paripé”, aseverou.

Por último, o voceiro popular, que quixo agradecer a asistencia dos técnicos municipais a esta xuntanza, tamén informou de que o propio xefe de servizo de urbanismo recoñeceu que “no caso de que non se tivera asinado o convenio e se non se tivese realizado o cambio de sistema de xestión urbanística, non obrigatorios por lei, non se tería tramitado todo antes do día 1 de xaneiro de 2006”. Deste xeito, o popular lembrou que con esa data entraba en vigor a disposición transitoria primeira da Lei do Solo que non só levaba aparellada unha redución da edificabilidade de 2,05 a 1,50 metros cadrados edificables por metro cadrado de terreo senón que tamén implicaba cambios que reducían en máis de 4.000 metros cadrados os intereses do promotor. 

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies