O voceiro do Grupo Municipal do PP, Jaime Castiñeira, lamenta que “Lara Méndez siga, dúas semanas despois das sentenzas das torres das Costas do Parque, instalada na defensa dos intereses do promotor, de Orozco e de Gómez Besteiro”
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, critica que a alcaldesa “segue instalada na parálise e na despreocupación” en relación ao Garañón, que “sen dúbida, é unha das principais herdanzas envelenadas que nos deixa o PSOE a todos os lugueses”.
Nesa liña, o popular lamenta que “a socialista non se teña movido nin un ápice con respecto á postura que tradicionalmente veu mantendo o seu partido, cuxas consecuencias coñecemos ben todos”. “Méndez continúa enrocada en defender os intereses de López Orozco e de Gómez Besteiro, que non son outros que os do promotor, o que na práctica significa que vela polos seus padriños políticos, en lugar de mirar polo conxunto dos lugueses”, insistiu.
Para combater esa situación, “e co dobre obxectivo de librarnos das torres das Costas do Parque e tamén dunha indemnización millonaria”, o voceiro popular pide ao resto de grupos da oposición “altura de miras” durante o pleno da mañá no debate da proposición rexistrada polo PP para estudar a posible anulación do convenio. “Aínda que somos conscientes de que é moi difícil anular este acordo, pero temos que buscar ata o último resquicio para poder facelo aproveitando as cláusulas que, baixo o noso punto de vista, rozan claramente a ilegalidade”, destaca, ao tempo que apunta que “mañá a alcaldesa terá outra oportunidade para explicarnos que pasos deu dende o anuncio triunfalista que fixo a alcaldesa hai unha semana en relación á contratación dunha asesoría exclusivamente para avaliar se presentar recurso ou non ás sentenzas coñecidas hai unhas semanas, en lugar dunha actuación global de expertos xurídicos e urbanísticos externos ao Concello, coma a que nós demandabamos”.
Outra proposición.-
Os populares tamén proporán no pleno de mañá que se recupere e dea uso a cinco edificios municipais (vellas potabilizadora e depuradora, matadoiro e depósitos de Frigsa e da Piringalla) “actualmente infrautilizados malia ao seu valor e os importantes custes que seguen a supoñer”. En opinión dos populares, estas construcións, cuxo valor patrimonial ascende a case cinco millóns de euros, deberían ser recuperadas para “darlles vida, en lugar de seguir acumulando gastos e pagos en factura eléctrica e nóminas de persoal que continúan nas súas instalacións sen funcións asignadas”. “O que está claro é que telas paradas sen que revirtan nos lugueses só é propio dos gobernos socialistas que levamos sufrindo en Lugo dende finais do século pasado”, conclúe Castiñeira.