O concelleiro do Grupo Municipal do PP Manuel López explica que pese a que aínda non se asinou o contrato para o desbroce das parroquias xa hai máquinas limpando pistas de titularidade municipal en parroquias como O Burgo, Bacurín ou Poutomillos, unha situación de risco xa que non se sabe que pasaría en caso de accidente ou de que no período de recursos non se asinase o contrato
O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Manuel López, lamenta que a mediados do mes de agosto o goberno local aínda non asinou o contrato para limpar de maleza as cunetas das parroquias do rural, o que é unha clara evidencia da falta de traballo do bigoberno en prol dos veciños das parroquias.
Manuel López explica que pola falta de dilixencia do concelleiro do rural a sinatura dos contratos aínda se demorará uns días máis, xa que ata o día 20 deste mes está aberto o prazo de alegacións, polo que “ata finais de mes non se asinará o contrato”. Para o popular “esta demora inxustificada” non ten explicación algunha xa que se trata dunha contratación periódica no Concello de Lugo, que hai que realizar todos os anos, polo que “non se entende” que cada ano se deixen sen desbrozar as parroquias ata que remata o verán.
Pese a esta situación, o concelleiro popular sinala que hai algunha máquina que xa comezou o traballo de desbroce das pistas de titularidade municipal nalgunha parroquia (como Bacurín, Poutomillos ou O Burgo), polo que pregunta “que pasaría agora se hai algún accidente ou se produce algunha reclamación que impide a sinatura dos contratos”.
Manuel López lamenta a política que o goberno local está a desenvolver na zona rural, xa que os veciños das parroquias “son os grandes olvidados” para este goberno. Ademais, lamenta que mentres en anos anteriores o concelleiro do rural ordenaba “desbroces selectivos” en diferentes parroquias “a ritmo de verbena”, este ano, coa situación sanitaria que vivimos parece que “perdeu o paso” ao suspenderse todas as celebracións.
O popular recorda tamén que desbrozar a estas alturas do verán, coa maleza totalmente seca, ten un alto risco de incendio, polo que estamos ante “unha posible imprudencia” por parte do goberno local.