O concelleiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide explica que a nefasta xestión que Lara Méndez e Rubén Arroxo realizan no Concello de Lugo propiciou que no cuarto trimestre de 2019 se pasase de pagar as facturas nunha media de 87,13 días aos 112,97 días cos que pecharon o ano
O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, puxo de novo en evidencia a política económica seguida polo bigoberno de Lugo, que pechou o ano elevando o período medio de pago a provedores en 25 días, ata situalo en 112.97 días.
Antonio Ameijide explica que o Grupo Municipal Popular tivo acceso a este informe, grazas a que se leva á comisión de contas desta semana, xa que o bigoberno local aínda non o puxo a disposición do Grupo Municipal do Partido Popular, pese a que se solicitou, xunto co arqueo bancario, o pasado 4 de febreiro. “Cada trimestre solicitamos o informe de morosidade e o arqueo bancario, datos que se teñen que poñer a disposición aos cinco días de solicitalos, polo que queremos saber que teñen que ocultar Méndez e Arroxo para non facilitar aínda estes datos”, sinalou.
Pese ás trabas do bigoberno, o informe “é demoledor” para socialistas e nacionalistas, xa que o informe deixa datos tan alarmantes como que ao remate de 2019 o Concello de Lugo debía a autónomos e pequenos empresarios de Lugo 6.101 facturas por valor de 11.419.219,63€.
Das 6.101 facturas que hai pendentes de pago, 5.357 (cun valor de 3.520.220,97€) xa incumpren o prazo legal establecido para pagar as facturas, situando o período medio de pago pendente en 161,74 días. Neste senso, o concelleiro popular pon de manifesto que a tesoureira municipal reitera, por enésima vez no seu informe, que “non existe un problema de liquidez nin imposibilidade financeira ningunha para poder afrontar os pagamentos municipais”. Un informe no que se engade que “os incumprimentos en materia da normativa de morosidade neste momento están a reflectir unha deficiente e lenta xestión interna na tramitación administrativa das facturas pero en ningún caso un problema financeiro ou de liquidez para atender en prazo os pagamentos”. Por iso, a tesoureira sinala que “reitérase a necesidade de tramitar nos prazos establecidos na normativa de morosidade as facturas que están pendentes”.
Incluso, o servizo de tesourería municipal engade que “o importe das facturas das compañías eléctricas historicamente supón a maior parte do importe das facturas pendentes de pago, tendo cando se lles presta conformidade nalgúns casos máis de 365 días de espera, e que de ser conformadas, deben aprobarse no Pleno Municipal mediante un recoñecemento extraxudicial de crédito o que alonga máis os seus prazos de pagamento”. Unha afirmación que dá a razón á unha vella reclamación do Grupo Municipal do Partido Popular, como é “a licitación dun prego de condicións para a contratación do subministro eléctrico municipal”.
Este informe certifica que o goberno local de Lugo só pagou no prazo legal establecido o 33,32% das facturas, ou dito doutro xeito, o goberno local pagou fóra de prazo o 66,68% das facturas. Outro dato que destaca a parálise municipal é que das 3.659 facturas que se pagaron no último trimestre do ano, tan só 1.219 se pagaron dentro do prazo legal establecido, polo que 2.440 facturas se pagaron excedendo o prazo legal.