O concelleiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide denuncia que o bigoberno emprega unha propiedade do Concello, situada na rúa dos Carros, Lara Méndez e Rubén Arroxo converteron nun desguace e vertedoiro de vehículos, no que tamén hai céspede artificial, farois e a antiga caseta de turismo, sen cumprir ningún dos requisitos que se lle esixen á iniciativa privada para almacenar este tipo de produtos
O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, desvela a situación que o bigoberno provocou no Polígono de O Ceao, onde aproveitan unha parcela municipal para depositar todo tipo de residuos, sen poñer ningún tipo de medida de seguridade para garantir que eses produtos que poden ser, nalgúns casos, altamente contaminantes, non afectan ao medio ambiente.
Antonio Ameijide explica que se trata dunha parcela situada na rúa dos Carros e na que o goberno local depositou todo tipo de vehículos, farois, o céspede artificial que hai varios meses se retirou dos campos de fútbol municipais e ata a caseta do punto de información turística que había na Praza da Constitución.
Este tipo de residuos, como os vehículos retirados da vía pública, deben ser almacenados en lugares que cumpran unha serie de requisitos xa que se consideran residuos altamente contaminantes. Por exemplo, entre os requisitos esixidos para almacenar vehículos se atopan:
- Zona cuberta e dotada de pavimento impermeable, como mínimo, para os depósitos de residuos perigosos
- Depósitos adecuados para almacenar separadamente os fluídos que deben extraerse dos vehículos (combustible, aceite de motor, aceite de caixas de cambio, aceite de transmisión, aceite hidráulico, líquidos de refrixeración… e calquera outro fluído do vehículo)
- Contedores adecuados para almacenar as baterías (con material para a neutralización do electrolito alí mesmo ou en sitio próximo para casos de accidente), filtros de aceite, filtros de combustible así como calquera outro residuo perigoso que se poida xerar no proceso de descontaminación
- Zona apropiada para almacenar pneumáticos fóra de uso que inclúa medidas contra incendios e prevención de riscos derivados de almacenamentos excesivos
- Recoméndase contar cun sistema de protección contra incendios
Antes esta situación, o edil popular explica que “era algo que non podiamos imaxinar”, xa que o Concello de Lugo esixe unha serie de requisitos para calquer emprendedor ou empresario “pero resulta que a propia administración elude cumprir esa mesma normativa”.
Ademais, nesta parcela están depositados os rolos de céspede artificial que se retiraron dos campus de fútbol no verán de 2018. Materiais que se deixaron directamente sobre a terra, sen ningún tipo de protección nin medida preventiva, “en lugar de levalos a un xestor de residuos”, a pesares e que o céspede artificial é un produto tóxico para o medio ambiente, xa que ao estar fabricado con caucho de pneumático e outros materiais perigosos, coas choivas e a erosión, sofren un proceso de fragmentación e aos poucos vanse desprendendo microplásticos, os cales son nocivos para o chan e as augas subterráneas circundantes.
Neste senso, Ameijide sinala que desde o bigoberno “en lugar de proceder ao seu correcto tratamento o deixa tirado nunha propiedade municipal sen importarlles as repercusións”.
Unha propiedade municipal na que tamén se poden ver farois e a caseta do punto de información turística, unha infraestrutura que o Grupo Municipal Popular pediu no ano 2009 que se destinase para dar información aos peregrinos que chegaban a Lugo a través do Camiño Primitivo “pero que socialistas e nacionalistas prefiren ter tirada nunha finca”. “Unha caseta de información que se podería empregar para informar aos peregrinos e darlles indicacións sobre hospedaxes, restauración, lugares de interese para visitar…”, explicou.