Dende o Grupo Municipal do Partido Popular explican que trala suba do nivel do río nas últimas semanas debido ás fortes choivas apareceu un socavón de grandes dimensións, á altura do antigo restaurante O Muíño, e que se atopa nunha zona moi mal iluminada o que pode supón un grave perigo para a integridade dos centos de lucenses e turistas que a diario pasan por esta zona
O Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo esixe ao bigoberno municipal unha maior preocupación polas zonas verdes do Concello de Lugo, en concreto do Paseo do Miño, xa que despois da enchente experimentada polo río hai poucos días esta zona que empregan centos de lucenses a diario está nunha situación moi perigosa.
Os populares denuncian que á altura do antigo restaurante O Muíño apareceu un socavón de grandes dimensións “que é un auténtico perigo” sobre todo a partir de media tarde, cando cae o sol, xa que se trata dunha zona moi mal iluminada.
A esta imaxe hai que engadir o deterioro constante e continuado deste paseo á altura do Balneario, unhas deficiencias que dende o Grupo Municipal Popular se denunciou nos últimos anos en numerosas ocasións, pero semella que desde o bigoberno prefiren manter e aumentar un grave perigo para a integridade das persoas en lugar de poñer os medios necesarios para solucionalo.
O deterioro desta zona verde da cidade vai en aumento co paso das semanas, xa que ás inclemencias meteorolóxicas do outono e o inverno hai que sumar que son centos os lucenses que empregan esta zona para facer deporte, polo que é normal o seu deterioro. “Oxalá non chegue o día, pero cando alguén se faga dano de verdade nesta zona será cando o bigoberno se poña a traballar para arranxar o estado no que se atopa esta zona verde”, explican.
Por iso, dende o Grupo Municipal Popular esixen ao goberno bipartito “unha actuación inmediata” nesta zona para evitar calquer perigo á cidadanía e, sobre todo, para poñer en valor unha zona de gran beleza e así comezar a dar ao río a importancia que realmente ten.