El portavoz popular Jaime Castiñeira critica que la renovación de la red de abastecimiento del margen de los números impares de Fontiñas “lleve más de un año pendiente”, con problemas y molestias “continuos” en la red de aguas
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Jaime Castiñeira, esixiu esta mañá en rolda de prensa “maior rapidez” nas obras de renovación da rede de abastecemento da Ronda das Fontiñas na marxe dos números impares.
Nesa liña, o popular lembrou que esta intervención leva pendente dende xuño de 2014, cando a iniciativa do Grupo Municipal do Partido Popular se introduciu entre as obras de mellora que se ían executar con cargo aos remanentes de tesourería de anos anteriores. “Vemos que na Ronda das Fontiñas pasa o mesmo que en tantas outras rúas da cidade, nas que a reparación está prevista pero o goberno municipal é incapaz de levalas á práctica”, aseverou, ao tempo que criticou que “esta excesiva lentitude política e administrativa tamén se aprecia en que ata o 19 de febreiro de 2015 non se anunciou a licitación da obra no Boletín Oficial da Provincia” por un importe de 315.000 euros.
Así mesmo, Jaime Castiñeira revelou que a Mesa de Contratación Municipal ten proposto dende hai máis dun mes á empresa adxudicataria desta actuación, se ben o goberno municipal “foi incapaz neste período de asinar o contrato con esta firma privada”. “Dificilmente poden iniciar a obra se non saben que serán eles quen a executen”, insistiu.
Problemas continuos.-
Por outra banda, o voceiro popular asegurou que “diversos veciños da zona teñen manifestado ao Grupo Municipal do Partido Popular” as súas queixas polos “problemas e molestias continuos na rede de augas”. Así, Jaime Castiñeira lembrou que “nunha mesma mazá en só dez días se produciron avarías”, á altura dos números 123 e 115. “Mesmo nalgún edificio estiveron sen abastecemento de auga durante varias horas”, indicou.
A maiores, Castiñeira explicou que “os propios operarios municipais descubriron que estaba duplicada a rede de augas, ao haber unhas tuberías de PVC por baixo doutras de fibrocemento”, o que demostra “o mal estado do abastecemento nesta zona, posto que non se sabe sequera que tipo de rede hai”.
Mala planificación.-
Por último, o popular tamén se referiu á “pésima planificación” das obras que xa se teñen executado “cunha demora e unha lentitude idénticas” na beirarrúa de enfrente. Deste xeito, lembrou que os hostaleiros e comerciantes se viron obrigados a recoller sinaturas polas molestias e as perdas económicas que “a mala organización desta intervención lles provocou”. “E agora vemos que a sinalización horizontal practicamente está borrada cando só pasaron catro meses e que estes días están a substituír as tapas de alcantarilla que reutilizaron no mes de maio sen estar en condicións polo que agora se ve, coas consecuentes incidencias económicas e no tráfico da zona”, concluíu Castiñeira.