El portavoz popular, Jaime Castiñeira, afirma que “en el pleno de mañana tenemos una oportunidad única y un momento ideal para iniciar el camino hacia a un nuevo proyecto de ciudad, con un nuevo modelo de aparcamiento como uno de los primeros pasos a dar”
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Jaime Castiñeira, cualifica de “mágoa” o “boicot” que ten emprendido o PSOE respecto dun novo modelo para Lugo, “máis humano e amable coas persoas, cun proxecto de municipio totalmente diferente ao dos 16 últimos anos con gobernos socialistas”.
Nesa liña, o popular lamenta que “os socialistas sigan empeñados en non sumarse e en empañar un acordo unánime de todos os grupos da oposición, cando o certo é que no pleno deste xoves temos unha oportunidade única e un momento ideal para iniciar o camiño cara a un novo proxecto de cidade, cun novo modelo de aparcamento en lugar da recadatoria zona ORA, como un dos primeiros pasos a dar”. Castiñeira insiste no “momento idóneo e gran oportunidade” para esta modificación, “porque non estamos pendentes de ningún contrato”, motivo polo que insta aos socialistas a “non estropear nin desaproveitar” esta circunstancia. Así, contrapón a situación do estacionamento con outras cuestións como o transporte urbano, “onde o goberno xa se ten dado pasos equivocados que impiden que se poidan acometer os cambios estruturais que precisa ese servizo”.
Ao mesmo tempo, o voceiro popular, que incide en que “a proposta socialista é exclusivamente política porque non hai informes técnicos que a avalen realmente”, asegura que “o único que pretende a alcaldesa cando di que quere readxudicar o servizo é crearnos a todos os lucenses unha nova hipoteca, que agora mesmo non temos, e que vaia deixar atados aos lucenses e ao seguinte goberno”. “En lugar de aproveitar os graos de coincidencia e de sumarse as decisións conxuntas de 17 dos 25 concelleiros, o que propón o goberno é intentar impoñer un modelo que dende o PP non compartimos en absoluto”, aprecia, ao tempo que pide aos socialistas “valentía para decisións que van marcar o futuro do municipio” e lamenta que “dá a impresión de que ao Concello de Lugo chegaron novas caras que manteñen vellas políticas de contratación, e que como reflectiu a Operación Pokemon non son como deberan ser”.
Por último, o voceiro popular tamén apunta que “ao longo deste mandato teremos, coa finalización de varios contratos, boas oportunidades para dar solucións e respostas novas a vellos problemas non resoltos”. Así, pon como exemplo o servizo de limpeza municipal, cuxo contrato caduca en 2017, “e no que non deberamos tardar en empezar a traballar para incorporar todas as melloras posibles que nos permitan reconducir o grao de suciedade do municipio”, xa que segundo a enquisa da OCU publicada recentemente Lugo situábase como a cidade galega máis sucia e unha das máis sucias a nivel español. “Deixemos de perder oportunidades e consigamos o Lugo mellor que merecemos”, reflexiona finalmente Castiñeira.
Outras proposicións de pleno.-
Ademais desta proposición conxunta rexistrada polo Grupo Municipal do Partido Popular, LugoNovo, Bloque Nacionalista Galego, Ciudadanos e Alternativa Cidadá de Esquerdas, no pleno de mañá debateranse outras iniciativas presentadas polo GMPP, como a que insta ao goberno a regularizar os servizos municipais prestados por empresas sen contrato. Así, o que reclaman os populares é que nun prazo máximo de tres meses o goberno local dea os pasos necesarios para poñer en orde estes contratos xa que “resulta bochornoso e inasumible” que nos primeiros nove meses deste ano o Concello abonase 104 facturas a 15 empresas sen contrato por importe de case seis millóns de euros.
O GMPP tamén presenta a debate do pleno outra iniciativa para que o goberno local inicie os estudos para buscar un emprazamento máis axeitado para a Escola Municipal de Música, xa que as actuais instalacións se quedaron pequenas para acoller aos usuarios matriculados. Así, Castiñeira indicou que hai edificios municipais infrautilizados “que poden albergar perfectamente” estas dependencias.
Por último, outra iniciativa do GMPP é crear un itinerario peonil seguro e accesible para comunicar o parque Marcos Cela co Miño. Os populares suxiren que os servizos de enxeñería municipal “estuden a posibilidade de construír unha beirarrúa que comunique as escaleiras que se pecharon na Volta da Viña coas vivendas que están xunto ao balneario, na estrada de Santiago”.