
A contención do gasto que vende PSOE e BNG é un engano. O que eles chaman aforro é unha apropiación indebida das partidas de persoal. Esta situación é a que se reflexa no orzamento de 2024 que contempla 36 millóns de euros para gasto de persoal, pero só se executaron arredor de 32 millóns.
É dicir, o Concello aforrou 4,2 M€. porque non cobre as prazas contempladas na Relación de postos de traballo, por precarizar servizos e por vulnerar os dereitos dos traballadores municipais. Un goberno que se autodenomina progresista quere blanquear as súas contas a costa dos traballadores indicando que “non se pagaron horas extra á policía e aos bombeiros, non se deu cobertura as prazas da brigada de augas …. utilizando ese diñeiro para cadrar as contas e presumir de xestión austera”. As consecuencias desta decisión provoca unha falta de motivación no persoal municipal e desaxustes estruturais con servizos que non teñen garantizada a sostibilidade no futuro.
Hai menos aforro do que din e máis gasto do que recoñecen
O Concello gastou 97,8 millóns de euros en 2023 e 95,8 millóns en 2024. É dicir, o suposto “aforro” é de menos de 2 millóns.
Pero a realidade é preocupante xa que hai máis de 5,5 millóns de euros gastados en 2024 que non foron imputados ao orzamento, segundo recoñece o propio informe da Intervención (páx. 18 da liquidación). Isto quere dicir que o Concello xa gastou ese diñeiro, pero non o inclúe nas contas, dando a sensación de que se aforrou… cando non é así porque non están contando todo o que gastaron de verdade. “É unha trampa ao solitario”, matizan os populares.
A inversión municipal é simbólica e depende de fondos europeos
O total investido en 2024 foi de 11,1 millóns de euros, pero só 1 millón saíu das arcas municipais (representan menos do 10%) . O resto (máis de 10 millóns) veu de fondos doutras administracións. Sen esa axuda externa, a capacidade inversora do Concello é nula.
Isto significa que non se aposta polos proxectos que melloran Lugo con recursos propios, senón que se vive do financiamento alleo mentres se presume de xestión.