El concejal del Grupo Municipal del PP Manuel López explica que en la carretera que va la Bóveda, en la zona comprendida entre El Carqueixo y Fraxocos, en un trecho de unos 600 metros suelen aparecer varias zonas en las que se depositan de manera indiscriminada todo tipo de vertidos, lo que demuestra la nula preocupación medioambiental del bigoberno
O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Manuel López, denuncia a “total inacción” do bigoberno local en Santa María de Bóveda, concretamente na contorna do antigo vertedoiro do Carqueixo, unha zona na que se están a producir constantes queimas e vertidos incontrolados, unhas actuacións que poden ocasionar danos graves ao medio ambiente.
Manuel López explica que esta zona “é o gran punto negro” de Lugo no que se refire a vertedoiros incontrolados, xa que, a poucos metros, na estrada que une o Carqueixo e Fraxocos, nun treito duns 600 metros, hai varios puntos que se converteron en vertedoiros ilegais, zonas nas que os escombros, os pneumáticos e os electrodomésticos se mesturan coa natureza.
O concelleiro popular sinala que agora é imprescindible realizar a terceira descontaminación desta zona en tres anos, xa que recorda que hai case dous anos que se limpou e descontaminou o antigo vertedoiro de Lugo e o poboado do Carqueixo, grazas a unha intervención da Xunta de Galicia e que contou cun orzamento de 150.000€. Dende entón, o bigoberno desentendeuse das súas obrigas nesta zona e a única actuación que se fixo foi a raíz dunha iniciativa plenaria do Grupo Municipal do Partido Popular, para que, un ano despois da actuación do executivo galego, o goberno local realizase unha nova descontaminación. “Esta actuación unicamente se realizou porque o Partido Popular conseguiu que se aprobase en pleno, pese aos votos en contra do PSOE e da abstención do BNG, unha actuación que realizou Urbaser, pero da que descoñecemos o custo”, afirmou.
Ante esta situación, Manuel López insta ao bigoberno local “a tomar cartas no asunto” porque falamos dunha situación que se descontrolou pola inacción do goberno local, e que pode desembocar “nun dano medioambiental moi grave”. Neste senso, o popular di que é imprescindible que dende o Concello de Lugo se poñan os medios adecuados para evitar estas situacións, xa que o Concello de Lugo, como titular das súas propiedades, ten que velar porque nelas non se realicen este tipo de prácticas que danan ao medio ambiente, en ocasións dun xeito irreparable, e que poden ser susceptibles dun posible delito medioambiental.
Moitos dos residuos que se depositan nesta zona son “altamente contaminantes”, polo que urxe unha actuación inmediata que inclúa unha nova descontaminación da zona e se poñan os medios adecuados para evitar que se repitan estas malas prácticas que o único que fan e dano ao medio ambiente.
Neste senso, o ano pasado o Grupo Popular xa defendeu unha iniciativa no pleno ante a proliferación dos vertedoiros incontrolados no Concello de Lugo, especialmente nas parroquias do rural. Unha proposta plenaria que tiña como obxectivo adoptar de xeito urxente as medidas necesarias para proceder a limpeza e descontaminación da finca municipal sita no Carqueixo, así como o seu peche e vixilancia da mesma.
Este tipo de prácticas que se están a realizar no Carqueixo provocan un impacto negativo sobre a paisaxe e importantes efectos contaminantes no chan e na auga pola escorrenta e na atmosfera pola queima de rodas, aceites ou cables.
Para vixiar que este tipo de prácticas non se levaran a cabo, o Concello de Lugo contaba coa Patrulla Verde, integrada na Policía Local, unha dotación que hai anos que desapareceu debido ao desmantelamento dos diferentes servizos municipais que realizaron os diferentes gobernos socialistas. Por iso, Manuel López insta a recuperar a Patrulla Verde, a través da RPT ou cos novos axentes da Policía Local que chegarán ao Concello de Lugo nos vindeiros meses.