El portavoz del Grupo Municipal del PP Ramón Carballo critica que el gobierno local descarte la posibilidad de emplear el nuevo auditorio como una de las localizaciones en la que realizar actividades del San Froilán, ya que además de ser una magnífica infraestructura, permitirá un mejor control del aforo y del cumplimiento de las medidas sanitarias de seguridad
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Ramón Carballo, amosou a súa perplexidade despois de que na comisión de festas celebrada este luns, a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, asegurase que non ten nin idea sobre a situación na que se atopa o novo auditorio, unha infraestrutura que xa é propiedade do Concello de Lugo desde hai máis de dous meses.
Ramón Carballo recorda que o pasado 23 de xuño Paula Alvarellos asinou a acta de recepción desta infraestrutura por parte do Concello de Lugo, polo que desde ese momento tanto PSOE como BNG tiñan que poñerse a traballar para dotar de contidos a esta gran infraestrutura.
Para o voceiro popular o único motivo que explica a resposta dada por Maite Ferreiro é “a nula comunicación” entre as dúas patas do goberno local, polo que “quizais agora sexa preciso realizar outro acto de entrega das chaves entre Lara Méndez e Rubén Arroxo”.
A realidade volve a ser cruel para toda a sociedade lucense, xa que a guerra interna entre PSOE e BNG pasa factura de novo aos cidadáns, que ven como non poden desfrutar desta gran dotación realizada pola Xunta de Galicia. Neste senso, os populares non entenden que non se opte polo novo auditorio de Lugo para celebrar algunha das actividades do San Froilán, xa que ademais de ser unha infraestrutura que ofrece moitas posibilidades artísticas, tamén permite un mellor control do aforo e do cumprimento das medidas de seguridade sanitarias.
Por iso, Ramón Carballo esixe ao goberno local “traballo” para poñer a funcionar esta dotación no menor prazo de tempo posible, xa que “non lles vale a escusa da entrega das chaves”. “Como non saben que facer con esta gran infraestrutura, no goberno local buscan escusas e evasivas para non poñelo a funcionar”, afirmou.
O voceiro popular reclama que, como mínimo, Lara Méndez e Rubén Arroxo deberían de preocuparse por manter unha imaxe mínima do auditorio, algo que sempre reclamaron á Xunta de Galicia, polo que deberían comezar por quitar o valado de obra para seguir gañando espazos para os cidadáns e pensar nunha “boa programación, diversa e que abranga o maior número de estilos” para dar opcións culturais a todos os lucenses.