O voceiro do Grupo Popular Jaime Castiñeira, tal e como anunciou, e ao fío da polémica da colocación das pancartas na fachada da Casa do Concello presentou unha nova solicitude para colocar outra lona reclamando estas dúas dotacións
O Grupo Municipal do Partido Popular rexistrou hoxe unha nova solicitude para que a alcaldesa autorice a colocación dunha pancarta reclamando “a instalación dos ascensores comprometidos para salvar os desniveis que hai nos barrios do Sagrado Corazón e en Fontiñas mellorando así a accesibilidade e a calidade de vida dos seus veciños”.
O voceiro dos populares, Jaime Castiñeira, ao fío da polémica da colocación de pancartas na fachada do Concello, xa anunciou a semana pasada que ía presentar “unha tras outra solicitudes para colocar lonas na fachada reclamando o cumprimento de acordos que adquiriu o goberno local”.
Neste senso, o popular recurre ao acordo que asinaron os socialistas co Partido Popular para investir os remanentes de 2013. A lenda da nova pancarta será “Sagrado Corazón … NON perdas o ascensor” e “Fontiñas … NON perdas o ascensor”. Estas pancartas súmanse á petición que o Grupo Popular rexistrou o pasado venres relativa á proposición aprobada en xullo de 2016 para crear unha Comisión que garanta a defensa dos intereses dos lucenses en relación á CS-5 e o seu contorno.
O voceiro dos populares lembrou que o elevador do Sagrado Corazón adxudicouse o 15 de abril de 2015 por un orzamento de 189.769,04€ e contaba cun prazo de execución de 4 meses polo que debería estar xa funcionando a pleno rendemento. Castiñeira pediu o desbloqueo desta dotación prometida en 2007 matizando que “dado que os socialistas teñen unha grande afición as pancartas estamos convencidos que se sumarán sen ningún tipo de problema ás peticións que lles presentamos dende o PP”. Castiñeira espera contar co apoio da Asociación de veciños do Sagrado Corazón nesta reivindicación tan necesaria para o barrio.
Con respecto ao ascensor de Fontiñas, á altura de Ramón Montenegro, nin tan sequera hai proxecto malia que este elevador figuraba como un dos puntos do acordo cos socialistas para investir os remanentes de 2013. Castiñeira lembrou que o PSOE “tivo que rectificar na súa postura de negar esta dotación para o barrio” lembrando á negativa que amosou no pleno de outubro de de 2012 votando en contra dunha iniciativa do PP para facer este elevador.
Os populares avanzaron que “á vista do ninguneo aos veciños do Sagrado Corazón e Fontiñas o Grupo Popular presentará unha iniciativa ao vindeiro pleno para forzar a que se instalen dunha vez por todas ambos elevadores”.