Antonio Ameijide explica que, tras estudiar en una reunión de trabajo el documento con los profesionales del sector se llegó a la conclusión de que el documento propuesto por la alcaldesa no desatascará la resolución de licencias en Lugo si no se mejora
No ano 2021, Lara Méndez anunciou que o Concello de Lugo contaría cunha ordenanza de urbanismo para axilizar a resolución das licenzas e así desbloquear o colapso existente, que provoca que as licenzas no Concello de Lugo se resolvan nunha media de 2 anos en lugar dos 3 meses que marca a lei.
Tras estudar e analizar o borrador deste documento, Antonio Ameijide explica que a proposta de Lara Méndez “non resolverá” o bloqueo na resolución das licenzas, polo que o Grupo Municipal Popular xa rexistrou a pasada semana un documento cunha trintena de alegacións consensuadas durante unha reunión de traballo cos profesionais do sector. “Queremos axudar a mellorar esta ordenanza e demostramos que somos o único partido que escoita sector e que estamos dispostos a traballar a escoitar e a acordar normativa”, apuntou.
Por iso se reuniron nunha xornada de traballo cos colexios profesionais de arquitectos, arquitectos técnicos, enxeñeiros industriais, técnicos industriais, agrónomos, de montes e a asociación de empresarios da construción para repasar e analizar artigo por artigo a ordenanza e preparar conxuntamente alegacións para mellorala. Nesta reunión constataron que foron o único grupo político que se sentou a abordar esta ordenanza cos profesionais afectados pola mesma. “Hai que escoitar a sector e para iso hai que traballar e non facer un copia e pega de normativas que xa estaban en vigor e que xa son de aplicación ao concello”, explicou.
Alegacións destacadas
- Nos artigos 8 e 23 sería convinte incluír unha aclaración de cara a tramitación da ocupación de vía pública en caso de comunicacións previas.
De xeito que non sexa preciso agardar á resolución favorable da comunicación previa para a solicitude e posterior autorización dunha ocupación de vía pública.
Se de acordo coa norma que rexen as comunicacións previas, a obra pode comezar aos 15 días da presentación da comunicación, aínda sen resposta favorable por parte do concello, non parece lóxico que a ocupación de vía non se conceda ata que se emita licenza favorable ou autorización á comunicación previa.
Perdendo deste modo toda a axilidade no procedemento que se gaña coa comunicación previa.
Se a norma en aras á axilidade favorece o inicio das obras en 15 días, a ocupación de vía necesaria para as mesmas, debería ser tamén autorizada en canto sexa posible iniciar os traballos de acordo coa norma, sen necesidade de autorización expresa á comunicación previa por parte do Concello de Lugo.
- No artigo 26 “Presentada a solicitude e unha vez realizada a verificación documental, se esta non reúne os requisitos ou se a documentación está incompleta, requirirase á persoa interesada para que no prazo de 15 días, corrixa a falta ou achegue a documentación preceptiva, con indicación de que se non o fai, teráselle por desistida da súa petición”.
A citada redacción parece un tanto inxusta para o administrado, quedando absolutamente desprotexido en caso que na resposta ao primeiro e único requirimento non cumpra todo o pretendido polos técnicos municipais. Calquera que coñeza o día a día do sector sabe da ambigüidade das normas en ocasións, que provocan diferentes interpretacións. Ter so unha oportunidade para responder deixaría desprotexidos aos administrados en caso de diferencia de criterios entre os profesionais na interpretación da norma.
Por outra banda o prazo de 15 días, en certos requirimentos é un prazo case imposible de cumprir en función da envergadura dos cambios precisos.
Proponse que non se poida declarar a caducidade do procedemento dando unicamente unha oportunidade de responder ao administrado e en caso de requirimentos de gran calado no proxecto dar un prazo maior para os cambios.
- No artigo 33.2 “no caso de que a resolución do procedemento se producise unha vez superado o prazo máximo de 3 meses e non se tivera formulado requirimento ningún para subsanar deficiencias ou mellora da solicitude, por atoparse, xa de inicio, a documentación correctamente presentada e de xeito completo, ola interesado/a terá dereito á solicitude de devolución dun 30 % do importe aboado en concepto de taxa pola prestación de servizos urbanísticos”.
O Concello de Lugo debe garantir a resolución das licenzas no prazo máximo de 3 meses que marca a lei.
En caso de non cumprir, o importe de devolución racional seria devolver integramente o importe ingresado polo administrado ao Concello de Lugo, tanto en concepto de taxas como de imposto municipal.
- No artigo 50 “nin a contestación ás consultas urbanísticas, común e especial, nin a cédula urbanística terá efecto vinculante para a Administración Municipal e contra elas non cabe a interposición de recurso algún”.
Resulta chamativo que as certificacións emitidas polo Concello de Lugo, polas que cobra aos administrados, non teñen ningún tipo de efecto vinculante para a propia administración que as emite e cobra, polo que é preciso que sexa vinculante, máis aínda cando é expedido polo concello e se lle cobra ao administrado.
- Ao longo de varias alegacións, desde o Partido Popular esiximos que se garanta a atención presencial ao interesado.