O voceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide acudiu esta mañá aos xulgados de Lugo para ratificarse na denuncia e aportar nova documentación á investigación aberta contra Lara Méndez e os seus concelleiros por unha posible prevaricación e malversación de fondos públicos na xestión dos contratos municipais
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, acudiu esta mañá aos xulgados de Lugo para ratificarse na denuncia presentada contra Lara Méndez e o seu equipo de goberno por unha presunta prevaricación e malversación de fondos públicos, ademais de achegar nova documentación que reafirma as irregularidades da alcaldesa .
Antonio Ameijide acudiu aos xulgados de Lugo para responder ás preguntas da xuíza, pero tan só puido ratificarse na denuncia presentada e achegar nova documentación á causa, xa que a xuíza que instrúe a causa se atopa de baixa médica, polo que as outras testemuñas citadas a declarar esta mañá se aprazaron ata o vindeiro 13 de maio.
O popular recorda que cando Lara Méndez tomou posesión como alcaldesa de Lugo herdou 6 servizos sen contrato ou co contrato caducado, unha situación que “empeorou gravemente” ata superar os 44 contratos caducados. Neste senso, o voceiro popular sinala que “en calquer país” Lara Méndez estaría “inhabilitada” para exercer o cargo ao estar investigada por unha presunta malversación de fondos públicos e unha posible prevaricación. “Falamos de corrupción, esa palabra que tanto lles gusta dicir aos membros do PSOE nos últimos meses para referirse a outras forzas políticas, pero que cando se pon sobre as súas siglas semella que non saben de que se fala”, dixo o popular.
Antonio Ameijide foi a primeira persoa citada a declarar nesta investigación aberta polos xulgados lucenses, declaracións ás que tamén terán que sumarse Lara Méndez e os seus concelleiros para explicar en sede xudicial os motivos de non atender os reiterados avisos dos funcionarios e non sacar a licitación os contratos caducados.
O voceiro popular recordou que “non é unha pataleta como xa dixeron”. Temos datos obxectivos, facilitados polo propio goberno municipal, como os máis de 20.5M€ que se pagaron no ano 2017 con reparo de legalidade ou os 23M€ pagados ao marxe da legalidade no ano 2018. Datos que seguen medrando, porque nos primeiros catro meses deste ano Lara Méndez xa autorizou o pago de preto de 10M€ ao marxe da lei e o propio auto xudicial fala de “indicios de delito”.
O popular explicou que os socialistas non poden alegar descoñecemento xa que “a alcaldesa tivo incontables oportunidades para mudar de actitude e cambiar, nos últimos catro anos, a situación dos contratos irregulares pero so fixo oídos xordos ás advertencias dos funcionarios e ás da oposición”. “Para o PP foi unha decisión dura chegar á xustiza, pero tamén a única posible e a última que nos quedaba diante dunha alcaldesa que amosa un total desprezo cara ao procedemento de contratación e que se cre impune á lei”, finalizou o popular.