A aprobación do Regulamento (UE) 2016/679, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e a libre circulación destes datos, responde á necesidade de harmonizar as diferentes regulacións estatais nesta materia. Aínda que os Regulamentos europeos gozan de aplicación directa, concedeuse aos países membros un período de 2 anos para a súa aplicación debido á súa complexidade. O Regulamento xeral de protección de datos entrou en vigor o 25 de maio de 2016, e o mesmo será de aplicación directa a partir do 25 de maio de 2018.
Unha das grandes novidades que introduce o RGPD é a figura do delegado de protección de datos, sendo obrigatoria a súa designación cando o tratamento de datos sexa levado a cabo por unha autoridade ou organismo público, excepto os tribunais cando actúen en exercicio da súa función xudicial. O artigo 37 do RGPD establece que o delegado de protección de datos “será designado atendendo ás súas calidades profesionais e, en particular, aos seus coñecementos especializados do Dereito e a práctica en materia de protección de datos e á súa capacidade para desempeñar as funcións indicadas no artigo 39”. Por outra banda, o artigo 38 no seu apartado terceiro sinala que “O responsable e o encargado do tratamento garantirán que o delegado de protección de datos non reciba ningunha instrución no que respecta ao desempeño das devanditas funcións”
O RGPD establece que o responsable ou o encargado deben publicar os datos de contacto do seu delegado de protección de datos e comunicalos á autoridade de control, é dicir, a Axencia Española de Protección de Datos, a cal en colaboración coa Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) desenvolveu un esquema de certificación dos citados delegados, a cal sería moi positiva para acreditar o nivel de coñecementos esixidos para o desempeño da responsabilidades inherentes ao posto.
Por todo elo, o Grupo Municipal Popular que subscribe considera de interese municipal que o Pleno da Corporación Municipal ACORDE, instar ao Goberno Municipal a:
Convocar unha Xunta de Voceiros que teña por finalidade acordar a designación do delegado de protección de datos, para posteriormente comunicalo a Axencia de Protección de Datos antes do 25 de maio de 2018.