La concejala popular Ana López Pombo afirma que los aseos de la Plaza de Abastos “llevan años sin condiciones de poder ser usados” y critica que cerca del 70% de la superficie del sótano “continúe inoperativa y sin fecha para su recuperación”
A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo Ana López Pombo acusa ao goberno local de desincentivar a compra na Praza de Abastos.
“O máximo expoñente da despreocupación dos socialistas por estas instalacións apréciase na imaxe que presentan os seus aseos”, destaca a edil popular, quen se pregunta “de que serve que se acometa un investimento de varios millóns de euros de fondos públicos se despois se priva a vendedores e compradores de algo tan sinxelo e obrigatorio como uns baños nunhas mínimas condicións”. Nesa liña, a popular afonda en que “xa non estamos a falar simplemente dunha cuestión de imaxe (que tamén), senón dunha situación de hixiene e saúde públicas”, dado que “se a hixiene é sempre fundamental, máis o é en persoas que están en contacto directo con produtos alimenticios”.
Deste xeito, López Pombo incide en que esta mesma mañá a maioría das cabinas estaban pechadas “a cal e canto” con carteis de fóra de servizo, mentres que as que se atopaban abertas “presentaban unhas condicións que nin son dignas nin admisibles”, con suciedade, secadores de mans en estado precario e cos cables ao aire, tapas e cisternas rotas fóra do seu lugar, ausencia dalgunha tapa de rexistro… e mesmo un enchufe coa metade aberta e tamén cos cables á vista. “Queremos supoñer que non terá corrente, porque do contrario o risco é manifesto e máis aínda cando á está ao alcance de calquera”, puntualiza.
Así mesmo, lembra que “non se trata dunha situación nova senón que se vén repetindo ao longo dos últimos anos, sen que nin o goberno local anterior nin o actual foran quen de dar resposta”. “Son os únicos baños que hai nesta dotación, e aínda que non está contemplado acometer obras neles, o mínimo que se pode esixir é un mantemento axeitado”, asevera a popular, quen explica que esta situación é “especialmente chocante cando os comerciantes están a facer un esforzo por que os seus postos presenten unha imaxe impecable, acorde a esta época do ano que é a súa campaña máis forte”.
Superficie inoperativa.-
Paralelamente, a edil popular tamén censura que preto do 70% da superficie do soto da Praza de Abastos “siga, a día de hoxe, sen estar operativa e, o que é case peor, sen prazos, proxectos nin orzamentos para que volva entrar en funcionamento”. Nesa liña, matiza que “igual que os últimos meses”, tampouco esta mañá había traballadores para “desbloquear” unha situación “da que é evidente que o goberno local se ten desentendido”.
Por último, López Pombo reprocha aos socialistas que convirtan “cada obra que tocan nun pequeno escorial”, dado que “non hai prazo nin previsión temporal que cumpra este goberno nin tampouco un mínimo ápice de preocupación por minimizar as molestias que, inevitablemente, se teñen que xerar”.