Jaime Castiñeira afirma que la “reiterada negativa” de la alcaldesa a colaborar en el equipamiento del auditorio es “una irresponsabilidad y una tomadura de pelo que castiga a los lucenses” sin una dotación de más de 20 millones de euros
O voceiro do Grupo Municipal do PP no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, acusou esta mañá en rolda de prensa á alcaldesa de “condenar aos lugueses” a seguir sen auditorio, xa que “coa súa actitude, se por ela fora estariamos sen abrir estas instalacións nas que a Xunta de Galicia invertiu máis de 20 millóns”.
Nesa liña, o voceiro popular cualificou “a cerrazón da alcaldesa” de “irresponsabilidade” e “tomadura de pelo” que castiga aos lugueses sen esta dotación. Así, Castiñeira preguntouse “a que Méndez cremos”: “á que transmite boa vontade cando está a carón do delegado da Xunta ou á que de cara aos medios de comunicación amosa a súa verdadeira cara, de falta de colaboración interinstitucional”. A este respecto, o popular advertiu de que “os outros dous anos de mandato que nos quedan veremos como se multiplican estes comportamentos de suplir o déficit de xestión municipal con superávit de vitimismo”. “Parece que esta alcaldesa quere facer carreira política a costa de privar aos lugueses de investimentos doutras administracións e optando por unha pataleta de parvulitos”, opinou o popular, ao tempo que matizou que “a achega do Concello para o equipamento supón apenas o 1% do orzamento anual”.
Así mesmo, Castiñeira incidiu en que “o verdadeiro problema da alcaldesa non é económico, senón a falta de planificación e de programación, porque non sabe que facer con esta dotación”, cuxa ubicación foi “un capricho” do PSOE local e do bipartito na Xunta de Galicia, igual que a previsión de construír varias torres de vivendas de protección oficial a carón del. “É unha competencia municipal, na que a Deputación e a Xunta de Galicia están dispostos a colaborar, como pediu toda a oposición municipal, e a única que se opón é a que debera ser a máxima interesada, a alcaldesa”, subliñou.
Investimentos en risco.-
Por outra banda, o popular insistiu en que “o que temos neste momento, ademais dun edificio rematado, é un compromiso da Xunta de destinar, polo menos, 1,2 millóns de euros para o equipamento do auditorio que está no aire porque o Concello non se compromete a realizar un esforzo económico para unha dotación que será da súa titularidade”. “A mellor proba de que é un insulto que a alcaldesa diga que só achegará 50.000 euros para equipalo vese en que este importe é exactamente o mesmo que prevía destinar para a biblioteca da Piringalla, que leva anos sendo un esqueleto e coas obras completamente paralizadas; ou que vaia invertir máis en acondicionar 3.000 metros cadrados de terreo para hortos urbanos”, asegurou Castiñeira, ao tempo que ironizou con que “Méndez está tardando en culpar tamén a Montoro de non poder dotar de contidos ao auditorio, igual que fixo co incidente da fonte de San Vicente”.
Por último, instou á alcaldesa a “deixarse de lamentos” e a cumprir o acordo municipal “adoptado a iniciativa do PP cos votos a favor de todos os grupos políticos da oposición” no pleno de novembro de 2016, co ánimo de completar o equipamento entre o Concello, a Deputación Provincial e a Xunta de Galicia e de organizar unha programación cultural “canto antes”. “En definitiva, sentarse para abordar un novo convenio, tal como recoñeceu o goberno municipal no debate da proposición”, conclúe.