Jaime Castiñeira afirma que “a 15 días de que termine el año, la alcaldesa ni siquiera ha presentado las líneas maestras de los presupuestos de 2017”, lo que demuestra que Méndez “ni es de Lugo, ni conoce el municipio ni quería ni quiere ser alcaldesa”
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, acusa a PSOE, Lugonovo e BNG de “bloquear e paralizar intencionadamente Lugo”.
“Outra proba máis de que o que levamos de mandato está a ser un tempo totalmente perdido para os lugueses e de que o outro medio mandato vai polo mesmo camiño atópase en que a 15 días de que empece o 2017 a alcaldesa nin sequera presentou as liñas mestras do orzamento deste ano”, asegura, ao tempo que incide en que “seguramente a alcaldesa terá todo cociñado e amañado con Lugonovo e BNG, pero o mínimo que pode facer é presentar en tempo e forma as propostas”.
Nesa liña, incide en que “o que debera ser unha circunstancia extraordinaria, como é a prórroga dos orzamentos, vai camiño de converterse na tónica habitual desta alcaldesa”, xa que as conta de 2016 non se aprobaron ata o 31 de marzo. “A señora Méndez, que, por certo, non é nova na política porque xa levaba oito anos de vicepresidenta da Deputación Provincial e agora ano e medio de alcaldesa por sorpresa, parece que non se decata das implicacións que conleva unha prórroga orzamentaria”, apunta Jaime Castiñeira, en alusión a que os investimentos ou as transferencias non se poden prorrogar. “Todo apunta a que en 2017 estaremos un par de meses, como mínimo, sen propostas de investimentos novas ou sen poder conceder subvencións, poñendo numerosos postos de traballo en perigo”, advirte.
Integración no goberno Lugonovo e BNG.-
Así mesmo, o voceiro popular pide “valentía política” a Lugonovo e BNG, dado que “o que non poden é estar polas mañás facendo oposición de cara aos medios de comunicación e pola tarde no Concello metidos de cheo no goberno”. Nese senso, subliña que “os máximos responsables da desfeita que vive Lugo son estes cinco edís, que teñen secuestrados politicamente aos oito do goberno municipal”. “Se están a xogar con Lugo desta maneira, que se decidan e que entren a formar parte do goberno para tomar as decisións oportunas que saquen a Lugo da parálise”, asegura.
En opinión de Jaime Castiñeira, “un exemplo de todo isto atópase en que pouco despois de que a alcaldesa anunciara a zona 30 na Mosquera, o voceiro do BNG colgaba un sinal con esa velocidade na Porta Falsa”. “Que dean a cara e xa que van de man que o escenifiquen tamén en lugar de seguir con este xogo absurdo de cara aos lugueses”, reclama.
Por último, o popular asevera que “a alcaldesa non acaba de chegar nin á política nin a administración, senón que xa ten a súa experiencia tanto na Deputación como no Concello e, polo tanto, ten unha responsabilidade que non pode eludir”. “Dá a impresión de que non quería ser alcaldesa cando lle tocou, pouco menos que por sorteo, nin coñece Lugo nin quere ser alcaldesa, polo que alguén ten que sacar as rendas do municipio para sacalo da situación na que Méndez, Lugonovo e o BNG o sumiron”, conclúe.