El portavoz popular Jaime Castiñeira denuncia la falta de avances en la municipalización del servicio de grúa y ni siquiera en la licitación del contrato “puente y de duración muy limitada” al que se había comprometido la alcaldesa
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Jaime Castiñeira, critica a “prórroga de facto e sen data de caducidade” á concesionaria do guindastre, cuxo contrato rematou o 30 de novembro de 2015, mes dende o que está a facturar máis de 350.000 euros.
“A conclusión é clara: non existe ningún interese político por regularizar as condicións nas que se presta o servizo nin tampouco por acatar a vontade maioritaria da corporación de proceder á municipalización do servizo”, asegura o voceiro popular logo de constatar que non se avanzou “absolutamente nada” no proceso de municipalización do servizo, “máis alá dun paripé o 25 de marzo de constituír a comisión que se ía ocupar deste proceso, co único obxectivo de evitar o debate plenario que se ía celebrar á semana seguinte”, e de que nin sequera se realizaran os trámites para un “contrato ponte e de breve duración ao que se comprometera a alcaldesa”.
Así mesmo, Castiñeira incide en que “ao final a alcaldesa conseguiu o que quería, que era darlle unha prórroga á empresa pola porta de atrás”, xa que, como lembra, “foron os propios funcionarios municipais quen frenaron esta decisión que a socialista xa tiña tomada e xa decretara e que agora a alcaldesa está a adoptar, contradicindo o criterio técnico”.
Por outra banda, o voceiro popular explica que “aínda que, polo momento, é verdade que non se abonou ningunha das facturas que presentou a concesionaria dende o mes de decembro, non é menos certo que esta firma privada é dobremente beneficiada”. “Por un lado, porque non ten que presentar unha oferta máis axustada ao traballo que realiza e, polo outro, porque tampouco ten risco de que outra competidora poida obter o servizo”, sinala.
Ademais, Jaime Castiñeira advirte de que “con moita probabilidade, a empresa seguirase ocupando do guindastre ata novembro, co que na práctica estará outro ano máis incrementando o déficit, que se situará en preto dos 5,5 millóns de euros, sen que nin Orozco antes nin Méndez agora fixeran nada por corrixir a situación”.
Por último, o popular tamén lamenta que o goberno socialista “desprece” a “vontade maioritaria” da corporación municipal, que aprobou “neste primeiro ano de mandato da alcaldesa” sendas proposicións para instar á municipalización do servizo: en setembro de 2015 e, a instancias do PP, en maio de 2016.