El viceportavoz del PP, Antonio Ameijide, denuncia que el gobierno municipal decidió, al contrario del 67% de los municipios lucenses, no optar a las líneas de ayuda de la Xunta de Galicia para la contratación de agentes de empleo y desarrollo local
O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, criticou esta mañá que o goberno municipal decidise non optar á liña de axudas da Xunta de Galicia para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local.
“Lugo, e sobre todo os desempregados do Concello, deben saber que a alcaldesa declinou presentar candidatura ás liñas de subvencións convocadas pola Xunta de Galicia porque prefire seguir coa falsa cantinela de que o goberno de Feijoo non inviste no municipio”, asegurou Ameijide, quen subliñou que “é evidente que a socialista antepón os seus intereses partidistas ao castigar a varios lugueses sen ter un posto de traballo e sen contribuír á xeración doutros”, dado que precisamente o obxectivo é a colaboración na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial, actuando como promotores, asesores puntuais de proxectos de empresa e prospectores de mercado. “Pensabamos que coa saída de López Orozco se rematara coa filosofía de que canto peor lle vaia a Lugo, mellor lle irá ao PSOE electoralmente pero decatámonos de que non”, aseverou.
Nesa liña, o vicevoceiro popular destacou que “non atopamos argumento ningún para que o da capital fose dos poucos concellos que non optaron a este apoio para a contratación”, xa que preto do 70% dos municipios da provincia “presentaron candidatura e todos eles obteron un financiamento que cristalizará na incorporación de 48 axentes de emprego”.
Así mesmo, Antonio Ameijide incidiu en que “aínda que é certo que a taxa de paro do Concello de Lugo non é nin de lonxe a peor de Galicia cun 14,1%, parece incomprensible que o goberno local se desentenda de participar de iniciativas que permitan ila reducindo”. “Dixemos moitas veces que aos socialistas lles faltaba altura de miras e este caso volve poñer de manifesto a actitude irresponsable de quen antepón os seus propios intereses políticos aos do conxunto dos lugueses”, apuntou. “E non vou ser eu quen lembre que o Concello leva perdidos milleiros de euros en subvencións da Xunta ás que non se presentou ou que non foi quen de xustificar en tempo e forma”, advertiu.
Por último, o popular cualificou de “incongruente” que “o mesmo goberno local que decidiu poñer en marcha un plan de emprego cuestionado legalmente, por certo previsto con cargo aos orzamentos de 2016 e que no último mes do ano aínda segue sen prosperar, sexa o que se desentende de proxectos da Xunta que si contan con todos os avais”. “Para nós é unha situación que non ten ningunha explicación nin xustificación, polo que a trasladaremos á vindeira Comisión de Contas porque o mínimo que merecemos os lugueses son aclaracións e, de selo caso, desculpas por parte do goberno”, concluíu Ameijide