La concejala popular Ana López Pombo critica que “el gobierno socialista esté vulnerando derechos ciudadanos con relación a las solicitudes de información vecinales que no responden, contraviniendo la obligación legal de hacerlo”
A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular Ana López Pombo denuncia que o Concello de Lugo está a incumprir a Lei 19/2013 de 9 de Decembro de Transparencia, acceso á información pública e bo goberno.
A edil popular explica que “neste momento hai xa varios veciños que presentaron consultas á administración municipal, sen que esta lles respondera aínda, contravindo a obriga legal de facelo e sen atender o seu dereito a esta información”, xa previsto tamén no artigo 105 da Constitución. “O malestar dalgún destes afectados é tal que xa nos teñen trasladado a súa intención de levar de novo ao Concello ao Valedor do Pobo ao entender que non se lles respecta”, asegura López Pombo, quen detalla que “dende que o cidadán presenta a súa solicitude, non se sabe moi ben que camiño segue, o que provoca que moitas delas non sexan respostadas no prazo previsto (un mes prorrogable a outro previa comunicación do Concello ao interesado) ou nin sequera se saiba onde están”.
Para paliar esta situación, López Pombo propón que o goberno local dote ao Concello dunha Unidade de Información de Transparencia, “órgano que está contemplado e previsto na propia lei”, para centralizar as solicitudes e realizar un seguimento e control delas. Esta medida debería vir acompañada, en opinión dos populares, doutras que “reforcen a transparencia” como a publicación na web municipal da relación das consultas efectuadas (evidentemente, cumprindo escrupulosamente o que establece a Lei Orgánica de Protección de Datos no relativo á identidade de quen as formula) e das respostas dadas polo Concello “para que todos poidamos saber cales son esas contestacións”. Así mesmo, a popular suxire que o propio portal de Transparencia Municipal incorpore un apartado para poder tramitar online estas solicitudes, “por moi utópico que pareza nun Concello que segue a ter unha administración electrónica paleolítica, a través da cal é practicamente imposible xestionar integramente nin un só trámite”. “E chegará o momento tamén no que os contidos da Comisión de Suxestións e Reclamacións poidan ser accesibles para todos a través da web da administración local, sempre é cando este goberno local teña un compromiso real coa transparencia”, apunta.
A este respecto, a edil popular incide en que “estamos acostumados a que o PSOE ignore moitas das nosas consultas e así é que están pendentes preguntas presentadas polo PP dende o verán pasado”, pero “é tempo de que a participación e a transparencia teñan o lugar que merecen na administración municipal”. “E iso só depende de vontade política”, conclúe.