La concejala popular Mari Teijeiro explica que un expediente judicial obliga al Ayuntamiento a reingresarle a una usuaria la ayuda de emergencia social que previamente le había concedido la administración local y que luego le pidió que devolviese
A edil do Grupo Municipal do Partido Popular Mari Teijeiro desvelou esta mañá en rolda de prensa que o xulgado está a cuestionar a política de emerxencia social do goberno local.
En concreto, Teijeiro explicou que existe un expediente xudicial que obriga ao Concello de Lugo a devolver a unha usuaria dos servizos sociais unha axuda de emerxencia social que previamente lle concedera e que logo lle requeriu que devolvera. Nese senso, detallou que “no fondo da cuestión atópase a demora coa que a administración municipal está a pagar aos beneficiarios das subvencións ao alugueiro de vivenda”, posto que “esta veciña de Lugo viuse obrigada a recorrer ás axudas de emerxencia social polo retraso no abono das de vivenda da que era beneficiaria”. “O mesmo goberno que é culpable da situación é o que logo interpreta que se está a producir un cobro indebido que o Xulgado só percibiu como a cobertura dunha necesidade básica”, asegurou a edil popular.
Mari Teijeiro anunciou que pedirá ao goberno municipal explicacións en relación con este caso, xa que sospeita “que non se trata de algo illado”. En concreto, preguntará a canto ascende o importe que tivo que devolver a usuaria e se o Concello recorreu ou recorrará a decisión xudicial ou se fixo efectivo o reingreso, entre outras. Así mesmo, interesarase por coñecer se esta situación se pode reproducir en máis casos ou se xa se ten dado noutros.
Traballadores sociais “maniatados” con estas axudas.-
Por outra banda, a concelleira popular denunciou que os traballadores sociais continúan a estar “maniatados” á hora de conceder estas axudas. Nese senso, detallou que “aínda que si é certo que se ampliou a partida da que dispoñen de 2.000 ata os 3.000 euros mensuais, tal como reclamaba o PP, o feito de que o goberno local remitira unha instrución para que eses 1.000 euros engadidos non se tocasen tampouco axuda”.
Así mesmo, incidiu en que “dado que a cada traballador non se lle repón este diñeiro ata que xustifica o último papel do último usuario nun procedemento que se prolonga, no mellor dos casos, unhas dúas semanas, seguen a producirse situacións nas que estes traballadores se ven obrigados a responder que non contan con fondos para atender as necesidades e ínstanos a volver outro día”.
Ante isto, Mari Teijeiro urxiu ao goberno local a artellar un mecanismo que lles permita aos traballadores sociais dispoñer “continuamente” de liquidez, dándolles “máis autonomía e capacidade de resposta, confiando no seu criterio técnico”. Deste xeito, suxiriu que se lles facilite unha contía fixa mensual, “con independencia de que teñan rematado ata o último trámite de xustificación”, ou a modificación da ordenanza que permita cubrir “de forma máis áxil” estas necesidades “que a ninguén se lle escapa que son básicas e de verdadeira urxencia”.