El portavoz del Grupo Municipal del PP Antonio Ameijide incide en la necesidad de mejorar la limpieza de Lugo a través de baldeos mecánicos, retirada de hierbas y maleza, renovación y puesta a punto de los colectores de la basura y la programación adecuada de la limpieza en todos los barrios de la ciudad
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, defenderá ante o pleno unha iniciativa para que o goberno local poña en marcha “de inmediato” as medidas necesarias e urxentes para iniciar unha campaña intensiva de limpeza na cidade.
Antonio Ameijide incide na necesidade de mellorar a limpeza de Lugo a través de baldeos mecánicos, retirada de herbas e maleza, renovación e posta a punto dos colectores do lixo e programación adecuada da limpeza en todos os barrios da cidade.
O voceiro popular explica que os cidadáns “xa están fartos” da suciedade que hai en todas as rúas de Lugo, queixas que remiten todos os meses ao Concello de Lugo. Neste senso, o popular destaca “as reiteradas” queixas remitidas por parte dun particular desde o ano 2015 solicitando recolocar varios colectores de lixo para desbloquear varias prazas de aparcamento no barrio da Residencia. “Desde o 2015 desoíron sistematicamente os escritos remitidos por parte dos veciños desta zona, o que demostra a nula preocupación de Lara Méndez por mellorar o sistema de limpeza urbana en Lugo”, dixo.
Para Ameijide a limpeza dunha cidade é un dos eidos máis importantes, para os veciños e para os turistas que visitan a mesma “falamos de que a mellor tarxeta de presentación e a mellor publicidade” que un municipio pode mostrar é ser unha cidade limpa e pulcra, “pero semella que a Lara Méndez non lle importa”.
En Lugo levamos anos vendo como a limpeza empeora ano tras ano. Ese punto de inflexión comezou trala folga do lixo na que o goberno socialista tivo, tristemente, unha deficiente actuación e, trala cal, Lugo nunca volveu a ser a mesma cidade. “A falta de limpeza e aseo en todos os barrios é o sinal de identidade deste goberno”, afirmou.
A ninguén se lle escapa que a limpeza da cidade é unha tarefa amplamente mellorable. A suciedade que se pode ver en calquer rúa da cidade non é algo alleo a ninguén. Vemos rúas nas que hai anos que non se baldea nin se limpa con auga a presión. A maleza e as herbas proliferan polas beirarrúas en diferentes zonas da cidade. Unha ausencia total de preocupación no que atinxe á limpeza nos últimos anos.
Ás queixas dos lucenses hai que engadir o “nefasto” estado dos colectores de lixo, estando “a maior parte deles” deteriorados e que non son útiles para os cidadáns polo seu nefasto estado de mantemento.
É imprescindible trocar o modelo de aseo urbano de Lugo, pero esa é unha medida que, probablemente, “xa lle corresponderá tomar ao goberno local que tome o mando do Concello de Lugo tralas eleccións municipais de maio”. Mentres o actual goberno local ten a obriga de “autoesixirse” un mantemento mínimo da limpeza urbana da cidade, así como un bo estado dos colectores de lixo, polo que urxe que este equipo de goberno encomende aos responsables da limpeza e aseo urbano unha mellora e unha campaña intensiva de limpeza na cidade, con baldeos mecánicos, retirada de herbas e maleza… así como a mellora e reparación dos colectores ata a reposición integral que se debería facer de xeito inminente.
Por outra banda, Ameijide explica que hai, a día de hoxe, 114 queixas de lucenses agardando por resposta, acumulando entre Méndez e Piñeiro 80 desas queixas, o que demostra “a lentitude” coa que resolven os socialistas os problemas dos cidadáns, o que pon de manifesto “o nulo interese que ambos teñen por escoitar aos lucenses”.
Entre ambos acumulan o 70% das queixas dos lucenses e que o retraso en respostar aos informes remitidos polos cidadáns pola súa xestión seguramente sexa un indicativo de que “tanto a Lara Méndez como a Daniel Piñeiro non lles preocupa o máis mínimos solucionar os problemas dos lucenses”.