El portavoz popular, Jaime Castiñeira, pide a los socialistas que, “si es posible”, incluyan en el orden del día del pleno extraordinario del lunes la puesta a disposición del Ministerio de Fomento de los metros necesarios “para no perder tiempo en una actuación urgente”
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Jaime Castiñeira, esixe ao goberno local que poña a disposición do Ministerio de Fomento os terreos precisos para a conversión en rotonda da intersección entre a N-VI e a Afonso X, “un dos puntos máis conflitivos de todo o Concello”.
Nese senso, Castiñeira insta aos socialistas a “aproveitar a oportunidade” que supón para este trámite a convocatoria do pleno extraordinario deste luns día 14, no que se abordará a aprobación inicial das ordenanzas fiscais de 2017 e a comparecencia do voceiro socialista en relación á situación na que se atopa a zona ORA. “Hai que ter en conta que estamos diante dunha solicitude da que se leva falando moitos anos e dunha petición cuxas necesidades tanto de dimensións como de ubicación son amplamente coñecidas”, apunta o popular, ao tempo que subliña que “non podemos perder de vista que é un escrito que o Ministerio remitiu hai máis de dúas semanas, polo que o Concello tivo tempo de sobra para ter reaccionado”, polo que urxe aos socalistas a “non perder tempo nunha actuación urxente, con evidentes repercusións na seguridade e na comodidade do tráfico”.
Deste xeito, o voceiro popular solicita que “se avalíe, tecnicamente, a posibilidade de incluír pola vía de urxencia este punto na orde do día da sesión do 14 de novembro” e reclama que “de non ser posible, en todo caso, esta cesión non se prolongue máis aló do pleno ordinario que se celebrará nun par de semanas, o xoves 24”.
Primeiro paso dunha actuación “máis completa”.-
Así mesmo, o representante popular subliña que a conversión en rotonda do cruce entre Afonso X e a Nacional VI “é un primeiro paso importantísimo dunha acción máis completa, á que, evidentemente, non renunciamos”, en referencia ás outras dúas intervencións incluídas no proxecto do Ministerio de Fomento, cuxo importe ascende a 4 millóns de euros: a ampliación nun carril da estrada en dirección Madrid entre a ponte branca e a nova rotonda; e un vial de conexión coa rúa Santiago, “sen destrozar o parque Marcos Cela, impedindo así o que foi sempre obxectivo do PSOE de Lugo nun despropósito que combatemos firmemente dende o Grupo Municipal do PP, con acordos plenarios para blindar a zona verde en abril de 2011, maio de 2010 e xuño de 2009”.
Por último, o popular lembra que o goberno central remitira ao Concello de Lugo os planos relativos á actuación a mediados de xullo de 2015, momento dende o que “os socialistas nin sequera foron quen de sentarse a avaliar a proposta con algún interlocutor do goberno”. “En definitiva, o que pedimos é que o goberno municipal deixe de bloquear e de boicotear esta obra”, conclúe.