O Partido Popular denuncia a grave situación que están a vivir os
veciños de Lugo pola ineficacia do goberno local á hora de xestionar o
servizo de reparación de fugas de auga.
Nos últimos días rexistráronse
múltiples incidencias sen que se adoptasen medidas eficaces para
resolvelas nun prazo razoable, o que supón un novo episodio dun
problema crónico na cidade.
Os populares esixen explicacións inmediatas sobre as razóns que
levan a que, malia que o pasado 19 de decembro se adxudicou o
contrato para a reparación de avarías nocturnas e durante festivos e
fins de semana, os atrasos continúan a ser a norma. Esta situación
evidencia, segundo o grupo municipal, a incapacidade do goberno local
para garantir un servizo básico e esencial.
Desde o PP lembran que o desmantelamento da brigada municipal de
augas marcou o inicio dunha xestión errática, agravada pola
implantación dunha solución temporal que non foi capaz de cumprir cos
obxectivos.
“Estamos ante un exemplo claro de mala organización e
falta de previsión, e os veciños non poden seguir pagando as
consecuencias deste desleixo”, sinalan.
Urxe, insisten, que o goberno actúe con contundencia para evitar máis
demoras na reparación de avarías na rede de abastecemento.
A cidade non pode permitirse seguir padecendo un servizo deficiente que
prexudica gravemente o día a día da veciñanza.