El concejal del Grupo Municipal del PP Antonio Ameijide desvela que el juzgado contencioso-administrativo número 2 de Lugo viene de condenar al bigoberno local al pagado de las facturas que le debe y no pagada la una empresa desde 2017 al asegurar que se hizo una reclamación “fidedigna” y que el Ayuntamiento de Lugo “no niega la prestación del servicio”
O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, desvela un novo revés xudicial para o bigoberno local, xa que o xulgado contencioso-administrativo número 2 de Lugo vén de condenar ao Concello de Lugo ao pago dunha factura a unha empresa que prestou servizos para o concello no ano 2017.
Antonio Ameijide explica que o xulgado “estimou” o recurso contencioso-administrativo interposto por unha empresa que prestou servizos ao Concello de Lugo, polo que condenou á entidade local a abonar a cantidade de 23.539,06€ e 889,75€ en concepto de intereses de demora.
O concelleiro popular critica ao bigoberno “por obrigar” aos autónomos e pequenos empresarios que prestan servizos para o Concello de Lugo a ter que recorrer á xustiza ordinaria para “cobrar” polos servizos realizados. “É inconcibible que unha administración pública obrigue aos autónomos a chegar a estes extremos para cobrar, tendo que sacrificar parte dos seus beneficios nas costas de avogados e procuradores para poder cobrar polos traballos realizados”, afirmou.
Na súa sentenza, o xulgado contencioso-administrativo sinala que “reclamándose de xeito fidedigno as facturacións litixiosas mediante a reclamación presentada ante o rexistro xeral do Concello, o devandito órgano ten sen dúbida a obrigación contractual de pagar os mesmos”. Incluso a sentenza do xulgado engade “que o feito de que o Concello non teña constancia da súa entrada no Rexistro, non negándose a prestación do servizo, tampouco é óbice para a cobranza da mesma por parte do demandante”.
Antonio Ameijide asevera que o fallo da xustiza afirma o que vimos denunciando dende hai anos dende o Grupo Municipal do Partido Popular, que o goberno local “non se preocupa” polos pequenos empresarios e autónomos.
Período Medio de Pago
O vicevoceiro popular engade que a política seguida polo bigoberno de Lugo levou ao Concello a empeorar “notablemente” os datos de pago a provedores. Antonio Ameijide explica que os datos se aprobaron no pleno de onte, e que se poden consultar no informe solicitado á tesourería municipal.
Neste senso, había pendentes de pago, ao peche do terceiro trimestre de 2019, 7.570 facturas, por valor de 15.546.069,32€, a pesar de que o Concello de Lugo ten nas contas bancarias municipais 48.267.127,32€. Comparando os datos do segundo e o terceiro trimestre deste ano podemos ver como agora hai mil facturas máis pendentes de pago e se deben 3.5M€ máis aos autónomos e pequenos empresarios. “Esta é a política de PSOE e BNG, pedir que se fagan cousas e logo non pagalas. Esa é a súa verdadeira preocupación polos lucenses”, afirmou.
Das 7.570 facturas que hai pendentes de pago, 6.321 xa incumpren o prazo legal establecido para pagar as facturas, situando o período medio de pago pendente en 174.32 días, “uns datos que empeoran tamén”. Neste senso, o concelleiro popular pon de manifesto que a tesoureira municipal reitera, por enésima vez no seu informe, que “non existe un problema de liquidez nin imposibilidade financeira ningunha para poder afrontar os pagamentos municipais”. Un informe no que se engade que “os incumprimentos en materia da normativa de morosidade neste momento están a reflectir unha deficiente e lenta xestión interna na tramitación administrativa das facturas pero en ningún caso un problema financeiro ou de liquidez para atender os pagamentos”. Por iso, a tesoureira sinala que “reitérase a necesidade de tramitar nos prazos establecidos na normativa de morosidade as facturas que están pendentes”.