Antonio Ameijide insta a la alcaldesa a “abandonar definitivamente” las actuaciones “improvisadas a parches” y a sustituirlas por un “enfoque integral” que beneficie a los lucenses en lugar de condenarlos “a una movilidad cada día peor”
O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, pide ao goberno “unha perspectiva global e altura de miras” en relación á mobilidade no municipio, diante dos “continuos bandazos” do executivo local nesta materia.
“É certo que xa dende as súas primeiras xuntas de goberno, a alcaldesa deixou ben claro que esta ía ser o mandato da involución no tráfico”, afirma en relación á supresión “unilateral e sen alternativas” do sistema da ORA, cuestión que presumía que ía estar resolta en 10 meses e que, hoxe, case o dobre de tempo despois, “segue sendo un verdadeiro problema para veciños e comerciantes”. “A esta decisión seguíronlles outras igual de improvisadas, como foi o anuncio de facer a Ronda da Muralla zona 30, unha verdadeira cortina de fume para intentar tapar o peche do parking Ánxel Fole, cun anuncio abordado en contra dos criterios técnicos e do que agora parece que recea e xa demora no tempo”, destaca Ameijide, quen censura “a falta de avances en cuestións que si farían avanzar verdadeiramente o municipio”, como o redeseño integral do transporte urbano ou o impulso ao uso da bicicleta, “tantas veces reivindicados dende o Grupo Municipal do Partido Popular e tantas veces esquecidos polo goberno”.
Diante desta situación, o vicevoceiro dos populares insta á alcaldesa a “abandonar definitivamente” as actuacións “improvisadas a parches, sen planificación ningunha” que caracterizaron a primeira metade do mandato e a substituír esta actitude por “un enfoque integral” que beneficie aos lugueses en lugar de condenalos “cada día a unha mobilidade máis conflitiva”. Nese senso, solicita aos socialistas que “deixen de facer oposición a si mesmos e que comecen, dunha vez, a gobernar o municipio case despois de dous anos de chegar a el e de cobrar del”. “Aínda así, é certo que as expectativas que podemos ter os lugueses en materia de tráfico son mínimas tendo en conta que o maior éxito do que presumen (tanto o goberno oficial do PSOE como o goberno na sombra de Lugonovo e BNG) consiste na instalación dunha almofada redutora de velocidade no barrio da Residencia, inaugurada pouco menos que con fogos de artificio”, ironiza o popular.
Proposicións plenarias.-
Co ánimo de paliar esta “errática” política en materia de mobilidade, os populares proporán no pleno de mañá que se estude a retirada do “conflitivo” sistema do foto-vermello na Ronda da Muralla “pola dobre inseguridade que xera no plano do tráfico e tamén no xurídico logo da controvertida xurisprudencia ao respecto”. Tamén reclamarán que se instalen sistemas de control de acceso a rúas como Xosé Ferro Coengo (en Catasol), Aviador Parga Cerezo (entre rúa Galicia e San Roque) ou a rúa Menorca (entre Avenida da Coruña e Milagrosa), “teoricamente peonís pero continuamente ateigada de vehículos estacionados”. “Son dous exemplos de actuacións que reflicten unha perspectiva máis ampla e non tan curtopracista como a que ten o goberno local, polo que agardemos que saian aprobadas e, o que é máis importante, que se hai acordo o goberno local non o incumpra como fai sistematicamente”, conclúe.