La concejala popular Mari Teijeiro califica de “insostenible” la situación que atraviesan muchas familias lucenses y muchas asociaciones sociales “por culpa de la lentitud con la que el Ayuntamiento les abona las subvenciones que les ha concedido”
A concelleira do Partido Popular Mari Teijeiro reclámalle ao goberno local “máis axilidade” na tramitación das axudas dos servizos sociais municipais, nomeadamente no relativo ás partidas de material escolar e ás que perciben colectivos e entidades do eido social, “moitas veces en situacións límite e insostibles pola falta de sensibilidade e de celeridade dos socialistas”
Nesa liña, a popular destaca que é “crítica” a situación á que o Concello de Lugo condena a moitas familias que, sendo beneficiarias das axudas de material escolar, non as puideron ingresar ata mediados do segundo trimestre. “É exactamente o que pasou neste curso 2016-2017, cando a convocatoria non se publicou ata setembro, varios meses máis tarde do que o facía baixo o mandato de López Orozco”, apunta Teijeiro, para quen “o primeiro contacto de Lara Méndez con este asunto non puido ser máis decepcionante”, dado que “de saír as axudas en abril (2013), xullo (2014) ou xuño (2016), sempre antes do inicio de curso, este ano, por primeira vez, acumulouse unha demora incomprensible que levou a numerosos pais e nais a non poder sequera presentarse a esta convocatoria ata ben iniciado o curso, o que provocou que ata hai apenas un mes non recibisen os correspondentes vales”. “Todo iso por non falar de que o importe das axudas é dos máis baixos de Galicia, xa que os 80 euros de Lugo contrastan cos 100 euros de Pontevedra ou ata os 125 euros de Ourense”, advirte a edil popular.
Paralelamente, Teijeiro tamén lamenta que o Concello “asfixie” a moitos colectivos, “coa incoherencia manifesta de primeiro derivarlles casos que a administración non atende para, acto seguido, demorar en ocasións máis dun ano o pagamento dos fondos que lles ten concedido”. Deste xeito, a popular lembra que algunha das asociacións xa lle trasladaron ao goberno que as dificultades que atravesaban por culpa do impago municipal durante tantos meses as podían abocar ao peche, “sen que se traducira nalgunha reacción na alcaldesa”. Así, moitas delas non puideron cobrar ata o 31 de decembro de 2016 as axudas que tiñan concedidas dende 2015 e para proxectos correspondentes a ese exercicio.
“Son só dous exemplos de como a chegada de Lara Méndez tamén levou ao colapso á área de Servizos Sociais, que funciona peor do que o facía con López Orozco”, resume Teijeiro, quen anuncia que trasladará ao pleno de mañá unha proposición para axilizar tramitacións deste tipo, “na que agardamos contar coa unanimidade de todos os grupos políticos para evitar que persoas e colectivos sigan estando contra as cordas”.
Amais, os populares pedirán a comparecencia do concelleiro do Urbanismo pola falta de avances na urbanización do Garañón nunha sesión plenaria na que tamén promoverán a reactivación das parroquias luguesas cunha bonificación de ata o 90% na cota íntegra do IBI durante tres anos a inmobles rehabilitados, cunha bonificación de polo menos o 50% no Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras e na Taxa pola Prestación de Servizos Urbanísticos das edificacións tradicionais da zona rural e cunha bonificación do 95% na Taxa por Licenzas de Apertura de establecementos así como na Taxa pola intervención municipal nas comunicacións previas e declaracións responsables na implantación de actividades nas edificacións tradicionais rurais.